Teresa Casal: “Recuperar a Moureira é recuperar parte da historia da cidade, un barrio que é berce de Pontevedra cando miraba cara ao mar e o río”

Teresa Casal e Peque González presentaron no Campo da Torre a proposta de Marea Pontevedra para o barrio da Moureira, o desenvolvemento dun ARRU (Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana), anteriores ARI . Teresa Casal recordou a súa participación nos traballos que  puxeron en marcha o ARI de Estribela e o do casco histórico. “Recuperar a Moureira é recuperar parte da historia da cidade, un barrio que é berce de Pontevedra cando miraba cara ao mar e o río”.

A Moureira atópase actualmente nunha situación de abandono habitacional e de peche de negocios, e en boa parte do barrio non se están a compartir os estándares aplicados nos últimos anos en boa parte da cidade. Pola contra aséntase unha clara diminución da calidade de vida nun censo de case 4.000 habitantes, e arredor de 2.000 vivendas, das que son susceptibles de entrar no proxecto do ARRU, arredor de 125 edificios.

Os obxectivos a acadar co desenvolvemento deste ARRU permitirían a valoración e recuperación das vivendas edificadas existentes, actuacións dinamizadoras para a recuperación do barrio, a mellora das condicións de accesibilidade do espazo público, a posta en valor dos elementos de gran valor cultural do barrio e a mellora e rehabilitación das construcións tradicionais que se atopan en mal estado.

Peque González reafirmou  a necesidade de que Pontevedra salde en certa medida a súa débeda histórica coa Moureira que o equipo que leva 20 anos gobernando a concello non atendeu. “A rexeneración do barrio xunto coa proposta que temos presentada de recuperación do peirao das Corvaceiras co proxecto avalado por César Portela da A Praza do Mar, permitirá poñer en valor a historia da cidade e reestablecer o encontro co mar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*