Sobre a creación dun Consello Municipal de carácter consultivo para a organización de eventos

Ao longo dos últimos anos son xa numerosas as probas deportivas disputadas no centro e mais en barrios de Pontevedra, obrigando a prohibir durante unha ou varias xornadas o estacionamento e, tamén, a circulación rodada e, por tanto, os movementos en coche dos veciños residentes neses espazos urbanos. Especialmente grave, pola reiteración, é o “castigo” ao que son sometidos os de Santa Clara e a súa contorna.

A última ocasión, de momento, foi o Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia e Tríatlon Cross de Pontevedra, durante os días 26 e 27 de agosto. O deseño do seu percorrido fixo que o concello prohibise aparcar e, no seu caso, obrigase a pechar de vez o tráfico ata en 23 prazas, avenidas e rúas da cidade, ás que houbo que engadirlle un longo percorrido por estradas nacionais en parroquias deste e doutro concello limítrofe.

Iso xerou protestas de veciños que dixeron sentirse secuestrados “ao non poder saír dos seus garaxes durante case unha xornada, ben para ir traballar (o 26 era sábado), ben por calquera outra circunstancia, sen alternativas e, por riba, cunha información previa moi confusa sobre os cortes de tráfico e o seu alcance verdadeiro”.

Sumáronse ás protestas os vendedores ambulantes, pola repercusión negativa que tivo nas súas economías a suspensión ese mesmo día do mercado que se celebra todos os sábados na rúa Enxeñeiro Rafael Areses. Subliñan que foi xa a segunda vez que ocorreu neste ano e citican a pouca antelación con que foron avisados, a ausencia de alternativas e a falta de respostas, porque os concelleiros do grupo de goberno “tiñan o teléfono apagado ou non contestaban as mensaxes”.

Críticas iguais ou parecidas escoitáronselles ás praceiras, ás que se lles dificultou, ou mesmo impediu, acceder cos seus produtos ao Mercado de Abastos.

É dicir, o evento causoulle importantes trastornos a uns e outros, tanto na súa vida persoal como laboral, e o goberno municipal do BNG respondeulles, como reflectiu un cronista, reducindo a controversia “a unha mera cuestión técnica que deben analizar e resolver os expertos responsables”.

O certo, con todo, é que o dispositivo que debería velar pola seguridade peonil e viaria do evento era manifestamente mellorable e, por riba, e seguindo o que o BNG pontevedrés ten por costume, estivo en gran medida externalizado (por medio da contratación dunha empresa que na práctica se fixo cargo do control das aglomeracións desde o posto de mando e no propio terreo).

Arredor diso, tamén seguindo o costume do BNG de Pontevedra, a opacidade é total. E igualmente tampouco están claros os motivos polos que, entre o voluntariado, unhas persoas recibiron unha axuda de custo e outras non, prevalecendo unha discrecionalidade que tamén é “made in Bloque de Lores”.


PROPOSICIÓN

Instar á Xunta de Goberno Local a impulsar a creación, desde a correspondente Comisión do Pleno, dun Consello Municipal, de carácter consultivo e coa participación de veciños, comerciantes e deportistas, que sería convocado, informado e escoitado con antelación suficiente á celebración de eventos que impliquen unha alteración do ritmo normal da cidade.

Ver Moción


 

INTEVENCIÓN DE LUÍS REI NO PLENO DE SETEMBRO DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*