Se Pontevedra segue sen Renda Social é, unicamente, por desleixo ou por incompetencia do goberno de Lores

A Renda Social Municipal permitirá a moitas das persoas que peor o están pasando da nosa cidade cubrir as súas necesidades máis básicas. Cada día que pase sen que exista unha ordenanza e sen que as familias que máis o precisan poidan percibila estánse poñendo en risco os dereitos máis elementais de moitas veciñas de Pontevedra.

Onte, o alcalde de Pontevedra respondía ante a prensa á crítica de Marea Pontevedra polo atraso desta medida botando balóns fóra: ‘O Concello ata hai pouco non obtivo o informe da Xunta de Galicia’ . A realidade é que o Concello enviou a solicitude do informe de competencias o 20 de outubro de 2017, algo máis de 5 meses despois de que fose aprobada a Modificación de Crédito que permite a dotación orzamentaria da RSM ( 7 de abril de 2017).

A Xunta de Galicia, pola súa banda, respostou  favorablemente o día 13 de novembro, tres semanas despois de recibir a solicitude, co visto e prace da Consellería Política Social e da Consellería de Facenda. Desde esa data, Pontevedra segue agardando por unha ordenanza máis que necesaria nunha cidade ‘Corazón de Pedra’ polo seu cativo gasto social. Xa van outros 5 meses. Unicamente o desleixo ou a incompetencia son quen de xustificar este atraso.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*