Salvar o Asilo

A deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Verao, e o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, presentan en Pontevedra a proposta de Marea para recuperar o asilo como residencia pública homologada para as persoas maiores.

 

SALVAR O ASILO

A realidade demográfica de Galicia evidencia un avellentamento da poboación. Isto é recoñecido de xeito unánime como un dos máis graves problemas do país, no político e no social, e marcará o benestar das xeracións futuras.

As persoas de máis de 65 anos de idade requiren atencións e servizos públicos especializados para dar resposta a unhas necesidades que están soportando económica, social e psicoloxicamente as familias, e dificultan a conciliación familiar, persoal e laboral tanto se as persoas maiores son dependentes coma se non.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda ofrecer 5 prazas de residencia por cada cen maiores de 65 anos. En Galicia, cunha poboación de 665.939 persoas que superan esa idade, ofrécense 3,05 prazas por cada cen. Os investimentos e o gasto público da Xunta Galicia están sendo totalmente insuficientes e ineficaces para atender as necesidades da poboación avellentada. Isto fai que no Concello de Pontevedra unicamente teñamos aberta unha residencia de maiores de xestión pública, con 136 prazas.

Seguindo a recomendación da OMS, para as 19.065 persoas maiores de 65 anos residentes en Pontevedra precisaríamos 953 prazas. Mesmo comparando coa ratio galega, Pontevedra tería que ter 581 prazas. A día de hoxe, sumando as prazas públicas e as privadas, temos só 1,75 prazas por cada cen maiores de 65 anos.

Un centro para a atención e coidado desas persoas era o Asilo, rexentado pola congregación relixiosa das Irmás dos anciáns desamparados. Estivo funcionando case 130 anos e, antes do seu peche por sorpresa en 2012, residían nel 160 persoas maiores, con diferentes graos de dependencia e situación económica precaria.

Marea Pontevedra propón recuperar este espazo para, tras o correspondente acondicionamento, convertelo nunha residencia de maiores homologada e pública. A súa reapertura como residencia faría innecesario que a Xunta abra o Hospital Provincial ao uso xeriátrico, mantendo o seu exclusivo e xa centenario uso sanitario, como defende a plataforma SOS Sanidade Pública (e quedou plasmado na Iniciativa Lexislativa Popular presentada no Parlamento de Galicia en 2017).

Cómpre destacar, desde a perspectiva sanitaria, a pouca distancia que media entre o Asilo a o propio Hospital de Pontevedra, o centro de saúde e punto de atención continuada da Parda, o Hospital de Montecelo (a menos de dez minutos de ambulancia), e mesmo as estacións de ferrocarril e autobuses, o que facilitaría os desprazamentos das visitas de fóra as persoas maiores residentes.

Contar cun gran centro residencial destas características tamén sería un revulsivo a afectos de emprego, polo alto número de postos de traballo que crearía.

PROPOSICIÓN:

Instar a Xunta de Goberno Local a promover, ante a congregación propietaria e desde a defensa do valor social acumulado ao longo de moitas décadas, a negociación, en colaboración con outras administracións, que conduza á adquisición efectiva do Asilo pechado en 2012, para a posterior rehabilitación e apertura nel dunha residencia pública para persoas maiores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*