O futuro de Pontevedra pasa por recuperar o entorno natural único da súa Ría

Os desbordamentos producidos durante a última fin de semana deberan servir para repensar a relación da nosa cidade co noso mar e cos nosos ríos, non pode ser casualidade que todos os problemas xerados polas crecidas teñan lugar en zonas gañadas a auga. Porén, as enchentes, que outrora eran un mecanismo de limpeza dos ríos, son soamente un síntoma da enfermidade que Pontevedra padece desde a construción da autovía en pleno banco marisqueiro dos Praceres ata a construción dunha nova península cos recheos do Porto en Lourizán. Polo camiño quedan moitas actuacións que perxudicaron e perxudican un ecosistema natural único.

Marea Pontevedra ten localizadas ata 7 agresións graves na desembocadura do río Lérez (enlace da AP9, edificio da Garda Civil, porto deportivo, naves da administración provincial na xunqueira do Alba, gasolineira e edificios da ponte do Burgo, verteduras directas entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes e cocheiras do ministerio de Fomento), e 7 máis no fondo da ría (autovía a Marín, cocheiras de Monbus, macronudo-rotonda da AP9, complexo Ence-Elnosa, liña ferroviaria, recheos do porto, Xunqueira da Gandarela).

Marea Pontevedra mantén desde o seu nacemento un compromiso coa recuperación dun ecosistema único con infinitas posibilidades económicas, favorecendo a coexistencia entre unha economía democrática tradicional e unha economía turística baseada no aproveitamento do entorno para o lecer da cidadanía. Na presentación da ‘Praza do Mar’, unha idea de César Portela, moitas das persoas presentes lembraron con certa nostalxia os seus baños da infancia en diferentes puntos do río Lérez e, nomeadamente, nun Peirao das Corbaceiras invadido polos turismos e ‘marxinado’ do modelo de cidade.

Todas as actuacións sobre a Ría deberían estar plantexadas en clave de recuperación dos espazos que foron gañados ao mar para que a cidadanía poida disfrutar do litoral e do benestar que emana de coidalo e disfrutalo, pois esta realidade non se limita unicamente a un problema ambiental e de danos puntuais provocados polas subidas das mareas, senón tamén dun desenvolvemento cortocircuitado nunha cidade que non pode medrar cara o mar que no seu día bicaba con cariño.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*