Pontevedra analizará o vindeiro venres como municipalizar os servizos públicos

En Marea e Marea Pontevedra presentaron hoxe a xornada en defensa da xestión pública dos servizos que terán lugar o vindeiro venres, 17 de novembro, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

As mareas teñen como un dos principios básicos a defensa da xestión directa dos servizos proporcionados desde o sector público. As inversións públicas encamiñadas a facilitar a vida das persoas e a cubrir as súas necesidades básicas deben estar suxeitas ao interese xeral e non á procura de beneficios por parte das entidades que os xestionen. Con esta premisa a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, estivo hoxe na Boa Vila para presentar coa coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González, as xornadas sobre Xestión Pública organizadas para o vindeiro venres na Facultade de Belas Artes.

No acto organizado no local de Marea Pontevedra atenderon aos medios para presentar o programa dunhas xornadas que contarán coa presenza de actores que levan impulsando a municipalización en moitos concellos do Estado e que terán dúas mesas redondas diferenciadas: Unha primeira centrada na xestión dun ben básico como é a auga, e outra máis xeral sobre a xestión dos servizos básicos.

Ana Seijas destacou na súa intervención que En Marea ten no seu ADN a defensa da xestión pública dos servizos: ‘Defenderemos en todos os ámbitos institucionais nos que temos presenza, da man das plataformas e movementos sociais en defensa da sanidade, educación e outros servizos básicos’ e subliñou a importancia dos concellos á hora de garantir do mellor xeito os dereitos cidadás: ‘Os concellos, como institución máis próxima ten que velar polos intereses da cidadanía. As políticas municipais afectan no día a día’.

Pola súa banda, Peque González, destacou a importancia da coherencia dunha forza política que defende en todo o país os mesmos principios: ‘O noso ideario é o mesmo en todas as institucións nas que estamos representadas, ao contrario que o goberno de Pontevedra que vulnera no día a día os principios básicos do seu propio partido, pois no Concello de Pontevedra a maior parte dos servizos están en mans de empresas concesionarias, algo que levamos tempo intentando cambiar desde a nosa entrada na corporación municipal.’

Dada a dificultade de avanzar na municipalización simplemente coa actividade institucional é necesario compartir experiencias con actores doutros municipios que están conseguindo a recuperación para a xestión pública dos servizos básicos fundamentais. Por este motivo impulsarán unhas palestras o venres 17 de novembro nas que analizarán como recuperar a xestión directa dos servizos que garanten os dereitos.

Programa completo

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*