O pleno de Pontevedra aproba a moción de Marea na que se reclama non ampliar a depuradora dos Praceres

Luís Rei: Falamos dunha agresión aos veciños e as veciñas de Lourizán, pero tamén falamos dunha agresión a toda a xente de Pontevedra.

O apoio do grupo local do Partido Popular e do Partido Socialista permitiu que o pleno do Concello de Pontevedra aprobase unha moción na que se recollen as demandas veciñais de oposición á ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres. O BNG votou en contra, mentres que C’s decidiu absterse.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 21 de maio de 2018 o director de Augas de Galicia deulle a coñecer á Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra o proxecto de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres, que tería o dobre de capacidade e ocuparía o dobre de espazo nos terreos contiguos á actual, sempre e cando Costas o autorice, pois esta situada en terreos que no seu día foron lámina de auga.

Unha vez coñecida a intención da Xunta de Galicia, os veciños e veciñas solicitáronlles ao alcalde de Pontevedra e ao director de Augas de Galicia xuntanzas para seren informados dese proxecto, como principal parte afectada por unha actuación que ademais de ocupar unha das poucas zonas comúns da parroquia, poñería en risco a viabilidade do seu banco marisqueiro.

Paralelamente, Marea Pontevedra presentou neste Pleno unha proposición emprazándoo a “facer público o seu rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres, evitando perpetuar un sistema desfasado e ineficaz, que vai en detrimento da calidade de vida da veciñanza e ten un enorme custo ambiental”.

Facendo uso dunha interpretación discutible do Regulamento Orgánico do Pleno, os grupos do BNG e do PSdG-PSOE promoveron unha emenda de substitución que impediu a votación do texto orixinal presentado por Marea Pontevedra. Finalmente o pleno aprobou o 15 de xuño deste ano, co voto deses dous grupos (BNG e Partido Socialista), instar á Xunta de Galicia (Augas de Galicia) “non aprobar definitivamente, nin licitar o proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres mentres non estea rematado e aprobado na súa totalidade o Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra”.

O 19 de setembro volveu reunirse a Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, coa participación do alcalde de Pontevedra. As conselleiras de Medio Ambiente e de Mar presentaron alí as conclusións do estudo de alternativas para a ampliación, coa proposta de catro posibles emprazamentos para a nova depuradora.

O día 26 de setembro (tres meses despois de formular a veciñanza a petición de información), o director de Augas de Galicia e o Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra recibiron á Plataforma Non á Ampliación da EDAR dos Praceres, á que lle comunicaron a intención de triplicar a mencionada instalación. Pola súa banda, o colectivo manifestoulles a súa total oposición a calquera das catro alternativas, pois todas prevén a ampliación das instalacións na parroquia, e avisounos do inicio de mobilizacións.

Marea Pontevedra entende que a solución aos problemas ambientais, urbanísticos e xudiciais do actual modelo non pode ser seguir teimando no erro, trasladando as augas residuais por quilómetros e quilómetros de colectores anta desembocar nunha instalación que a cada paso hai que agrandar e que a cada pouco queda pequena. A opción lóxica pasa por un plan de saneamento que inclúa o deseño dunha obrigada alternativa á depuración de augas residuais para os concellos que actualmente as envían aos Praceres.

PROPOSICIÓN:

1º. Instar a Xunta de Goberno Local a activar desde a asesoría xurídica do Concello de Pontevedra todas as vías legais e xurídicas encamiñadas a loitar contra a  ampliación da EDAR dos Praceres.

2º. Instar a Xunta de Goberno Local a facer pública a posición que defende na Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, tanto nas xuntanzas anteriores coma nas futuras.

3º. Instar a Xunta de Goberno Local a solicitar de Costas que non autorice a ocupación dos terreos necesarios para a ampliación da EDAR dos Praceres.

4º. Trasladar desde o Pleno do Concello de Pontevedra ao goberno municipal de Poio  a demanda de que poña a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para a instalación que lles permita o tratamento das súas propias augas residuais dentro do seu termo municipal.

5º. Trasladar desde o Pleno do Concello de Pontevedra ao goberno municipal de Marín a demanda de que poña a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para a instalación que lles permita o tratamento das súas propias augas residuais dentro do seu termo municipal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*