O pleno de Pontevedra aproba, a proposta de Marea, abrir a negociación da RPT e rexeitar o fallo da sentenza xudicial ao grupo de violadores ‘La Manada’

O pleno de Pontevedra aproba, unicamente co voto en contra do goberno municipal, que se abra unha negociación para recuperar os dereitos perdidos polos traballadores durante a crise. Tamén aproba, neste caso por unanimidade a proposición de rexeitar o fallo da sentenza xudicial ao grupo de violadores ‘La Manada’.

Son tempos de cambio, tempos en que a privatización masiva de servizos, hoxe cuestionada abertamente por amplos sectores da sociedade, debe dar paso á recuperación da xestión pública dos principais servizos municipais (auga, axuda no fogar, lixo, guindastre…). Para esta concepción da  Administración renovada e eficiente non serve a actual proposta do Goberno municipal.

Marea Pontevedra entende que os tempos son chegados para a implantación dun sistema de desenvolvemento da carreira profesional do persoal do Concello, mediante un conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Marea Pontevedra solicita ao goberno local reactivar a negociacion da RPT para recuperar os dereitos laborais perdidos durante a crise


REXEITAMENTO SENTENZA A ‘LA MANADA’

O pasado xoves 26 de abril, a Audiencia de Navarra emitiu a sentenza xudicial do caso da autoproclamada “manada”. Unha sentenza na que se considera abusos sexuais o noxento acto de agredir e violar a unha muller entre cinco homes. Mención especial merece o caso do maxistrado Ricardo González, que absolve aos acusados de todos os delitos ao considerar que non se apreza ningún tipo de violencia sexual.

A xustiza non pode escapar dos cambios sociais e debe adaptarse a unha sociedade na que, cada vez máis, as mulleres esiximos os nosos dereitos, comezando polo máis elemental dereito a unha vida na que tomemos as nosas propias decisións libremente. E por suposto que estas sexan respectadas.

Polo exposto anteriormente, Marea Pontevedra solicitou o apoio do pleno á vindeira proposición, que saiu aprobada por unanimidade tras contar co apoio de todos os grupos do Concello de Pontevedra.

Marea Pontevedra solicita que o Pleno de Pontevedra exprese o seu rexeitamento ao fallo xudicial da sentenza xudicial ao grupo de violadores ‘A Manada’

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*