O goberno do Estado dificulta que Pontevedra teña unha escola infantil municipal no centro da cidade

A presentación da iniciativa foi simultánea no Concello de Pontevedra, no Parlamento Galego e no Congreso dos deputados. Pontevedra é a única cidade galega que conta cunha Subdelegación de Defensa no núcleo urbano da cidade.

O concello de Pontevedra non ten ningunha escola infantil propia, sen que haxa sobre a mesa ningunha proposta de actuación para remediar esa carencia. Dada a elevada porcentaxe de nenos que quedan sen praza (518 de 1.005 peticións) resulta evidente a necesidade de ampliar a oferta e formular a creación de novas escolas. Marea Pontevedra e En Marea solicitaron para este fin o edificio actualmente ocupado pola Subdelegación do Ministerio de Defensa, construído polo propio Concello en 1877 precisamente para Grupo Escolar.

O edificio, obra de Alejandro Sesmero, inaugurouse en 1892. Porén, só tivo uso distinto ao militar durante os seis anos iniciais (ata 1898 cando se lle cedeu á Brigada Topográfica de Enxeñeiros), e mais noutro período inferior a unha década  (entre 1919 e 1928, cando foi Escola Normal de Mestres). Os máis de cen anos restantes estivo ocupado polo Exército, que o adquiriu definitivamente en 1956. Na actualidade é a única sede provincial que Defensa decidiu non pechar, contrariamente ao que fixo no resto das capitais galegas, onde optou polo traslado a edificios cun menor custo para a administración.

Para poder levar a cabo esta proposta era preciso que o Ministerio de Defensa desafectase este edificio, motivo polo cal a proposta non se limitou ao ámbito municipal. A voceira de En Marea no Congreso des Deputados, Yolanda Díaz, solicitou na cámara baixa a inclusión dentro do plan de racionalización de infraestruturas do Ministerio de Defensa ao inmoble que acolle a sede da Subdelegación do ministerio en Pontevedra para proceder ao seu traslado a outro inmoble de menor custo para a Administración Xeral do Estado.

Marea Pontevedra vén de coñecer recentemente a resposta do Ministerio de Defensa ás preguntas formuladas, unha resposta que dificulta que a proposta aprobada no pleno, co apoio de todos os grupos agás o grupo do Partido Popular que abstívose na votación, poida ser, polo de agora, unha realidade. O colectivo cidadá seguirá traballando para que Pontevedra teña escolas infantís municipais e para que deixe de ser a única cidade galega que ten unha Subdelegación de Defensa no centro da cidade.

Pregunta de En Marea sobre o edificio que ocupa a Subdelegación de Defensa de Pontevedra.

Resposta do Ministerio de Defensa á pregunta de En Marea sobre o edificio que ocupa a Subdelegación de Defensa de Pontevedra.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*