O Grupo Parlamentar de EN MAREA nas cortes xerais reúnese coa APDR para analizar novas medidas a adoptar en relación a saída da ría do complexo ENCE-Elnosa

Peque González (Vicecoordinadora de Marea Pontevedra):  “Soamente desde a recuperación integral da ría tal como propón a Marea é posible solventar os problemas económicos e ambientais da comarca”

Yolanda Díaz (Portavoz de EnMarea nas Cortes Xerais):  “Desde EnMarea seguiremos denunciando ese fenómeno de corrupción político empresarial que é ENCE

As tres deputadas de En Marea Alexandra Fernández, Ángela Rodríguez e Yolanda Díaz, e a senadora de EnMarea por Pontevedra,Vanessa Angustia, acompañadas da senado deputado autonómico Marcos Cal e da ViceCoordinadora de Marea Pontevedra, Peque González, mantiveron  na maña de hoxe unha xuntanza coa APDR para buscar novos camiños na saída de ENCE-ELNOSA da ría e para abordar o saneamento integral da Ría de Pontevedra

Na xuntanza houbo bastante coincidencia en canto á diagnose expresada polas representantes de EnMarea como polos representantes da  APDR, ao fronte dos cales estaba o seu presidente Antón Masa. Existe unha coincidencia na necesidade de incrementar tanto  as iniciativas sociais como as institucionais para que no prazo máis breve ENCE e ELNOSA abandonen a súa actual ubicación no corazón da ría.

Nese senso, e xa na posterior rolda de prensa, Peque González, Vicecoordinadora de Marea Pontevedra insistiu nas diferentes iniciativas municipais que se veñen presentando por parte da Marea e lembrou a última con respecto á saída de ELNOSA este mesmo ano ao non  cumprir as directivas comunitarias de produción con mercurio.

Para Peque González Marea Pontevedra entende que  “soamente desde a recuperación integral da ría tal como propón a Marea é posible solventar os problemas económicos e ambientais da comarca” e por iso trátase de abordar como un todo a saída de ENCE e ELNOSA, o  peche da EDAR dos Praceres e o cumprimento da sentenza contra os recheos portuarios ilegais do porto de Marín. A vicecoordinadora de Marea Pontevedra lembrou que hai meses  esta iniciativa cidadá presentou un modelo alternativo económico ao baseado nun industrialismo que absorbe todos os recursos naturais e deixa escaso valor engadido.

 

Pola súa banda a voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, sinalou que tanto no Congreso como no Senado se presentaron xa diferentes iniciativas en relación a “unha das maiores agresións ambientais que temos no noso país, que é a que está vencellada directamente a todo complexo industrial de ENCE e o que leva consigo”.

Yolanda Díaz destacou que unha das máis relevantes foi a interpelación coa posterior moción que se debateu no pleno do Congreso en relación á mellora das nosas rías, onde a diario se seguen a vulnerar as normativas europeas existentes, algo que desde a Unión Europea nos lembran a diario, xa que non deixamos de recibir continuamente expedientes infractores”, o que pon de manifesto que o Partido Popular está gobernando moi mal ao respecto, cando o saneamento das nosas rías e en especial da Ría de Pontevedra debería ser o piar fundamental sobre o que debemos traballar, tanto por razóns ambientais como por razóns de saúde pública.

A voceira de En Marea no Congreso destacou que trala xuntanza mantida hoxe coa APDR, “nos comprometemos a seguir defendendo primeiro o ambiente, pero tamén a legalidade no noso país, por tanto seguiremos denunciando ese fenómeno de corrupción político empresarial que é ENCE, un fenómeno que non só de agresión ambiental senón, con absoluta conivencia da Xunta de Galicia e do Goberno no Estado, de corrupción”. “Non nos esquezamos  – lembrou Yolanda Díaz – que a prórroga a ENCE se concede nos últimos días do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, o que é unha golfería”.

426340339_204017 (2)Así, En Marea vai presentar, tanto no Congreso dos Deputados, coma no Senado e no Parlamento de Galicia iniciativas para sacar ENCE da Ría de Pontevedra, e para iso, destacou Yolanda Díaz, “temos o compromiso do PSOE, para traballar bilateralmente nesta cuestión, por tanto é importante que desde os grupos políticos vaiamos avanzando nesta cuestión”.

Finalmente, a voceira de En Marea no Congreso sinalou tamén “a importancia que ten a definición dun novo modelo produtivo, algo que afecta directamente a Elnosa, que ten que eliminar o mercurio das súas produción, e por iso imos solicitar a paralización da súa actividade unha vez remate a prórroga que teñen concedida” ata o 11 de decembro de 2017, “hai unha obriga que teñen que cumprir e desde En Marea imos traballar para que isto se cumpra”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*