O goberno de Pontevedra desestima protexer os núcleos rurais dos lumes forestais

O pleno de novembro rexeitou a proposición de Marea Pontevedra de protexer os núcleos de poboación do rural de Pontevedra dos lumes que, desgrazadamente, arrasan miles de hectáreas cada ano en Galicia. A abstención do PSdG e o voto en contra do BNG impiden garantir a seguridade das veciñas do rural da Boa Vila.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A vaga de lumes do pasado fin de semana do 13 ao 15 de outubro rematou cun desolador balance de catro vítimas mortais e unhas 35.500 hectáreas de terreo queimado, que engadidas as ardidas con anterioridade, suman arredor dunhas 50.000 Has neste ano. Dentro desta superficie víronse afectadas un número moi elevado de casas, naves de actividades industriais ou agrarias, vehículos e bens materiais de diversa índole. Os incendios cercaron as zonas máis poboadas de Galicia e castigaron tamén con crueza algúns dos espazos  naturais  protexidos e ecosistemas de maior valor ambiental do País.

Se ben nesta ocasión  o concello de Pontevedra  non se veu afectado polos lumes como en 2006 ou 2015, máis unha vez a falta de coordinación existente por parte da  Xunta coas restantes administracións en materia de emerxencias derivou nunha nova polémica e cruce de acusacións sobre o papel dos efectivos do Parque de Bombeiros de Pontevedra nestes lumes.

No que toca ás medidas para a protección de bens e persoas, sexa por incumprimento das administracións xestoras das distintas infraestruturas, pola lentitude na tramitación administrativa, pola complexidade ou insuficiencia da propia Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia ou mesmo pola falta de conciencia cidadá, o panorama é desalentador.

Esta enésima crise, pon de manifesto a necesidade de acadarmos acordos políticos que permitan dar unha resposta rápida e útil á altura da gravidade do problema. É preciso achegar novos criterios de ordenación das contornas de núcleos de poboacións, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, e dos polígonos industriais para a eliminación de especies vexetais altamente combustibles e a súa transformación cara un modelo que garanta a seguridade nestes ámbitos vitais para moitas persoas.

Convén lembrar que nas últimas décadas o modelo de asentamento do rural pontevedrés veu configurándose de xeito complexo e disperso, concretando as intensidades das edificacións en función de proximidade, da accesibilidade ou mesmo da consolidación de usos tan impropios do espazo rural coma os industriais ou de almacenaxe. Este proceso de conformación dun espazo ”rurbano” desordenado, agrávase polo evidente desfase do Plan Xeral de 1989-1990 e a evolución regresiva dos aproveitamentos agroforestais tradicionais substituídos por superficies dedicadas a especies de madeira de crecemento rápido, ao abeiro do modelo de monocultivo do eucalipto auspiciado por ENCE e as políticas forestais do goberno do PP na Xunta de Galicia.

O grupo municipal de Marea Pontevedra propón un gran acordo local que sitúe nun primeiro plano a protección contra o lume dos núcleos rurais, vivendas e infraestruturas. Ese compromiso exprésase na seguinte.

PROPOSICIÓN

  1. Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) á realización urxente dun estudo contando coa participación de universidades e centros de investigación agro-forestais e do medio ambiente, dirixido á conformación dun mapa de vocacións produtivas agro-forestais nas contornas dos núcleos rurais de Pontevedra, en base a criterios de prevención de incendios, sustentabilidade medioambiental e as dinámicas derivadas do cambio climático.
  2. Unha vez rematado este estudo a XGL porá en marcha tendo en conta as súas conclusións unha serie de medidas (liñas de axuda a particulares, convenios con Comunidades de montes etc), dirixidas á transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello nunha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, incorporando plantacións de especies caducifolias que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras, vitivinícolas,  silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos… que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume e garantirán unhas mínimas condicións de seguridade nas contornas vitais da veciñanza.

3 Instar ao Alcalde de Pontevedra a que inicie de xeito inmediato contactos coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para que estas        administracións se incorporen con achegas de investimento a este Plan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*