Marea quere que o Concello de Pontevedra se poña do lado das mariscadoras

Fotografía de Ramón Leiro

Marea Pontevedra apoia nas súas demandas ás traballadoras do mar da Ría de Pontevedra. As melloras nas condicións laborais afectarían directamente a máis de 650 mariscadoras, na modalidade de marisqueo a pé e marisqueo a flote.

O colectivo cidadá, da man de Luís Rei, Tere Casal e Heminia Dios, mantivo esta mañá un encontro coas cofradías da desembocadura do Río Lérez.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Coa aprobación do Real Decreto 28/2018, do 28 de decembro, para a revalorización das pensións públicas e outras medidas urxentes en materia social, laboral e de emprego modificáronse as cotizacións á Seguridade Social tamén para os traballadores do mar. Isto ten unha especial incidencia nos pertencentes ao Grupo III de cotización ao Réxime Especial do Mar, que inclúe as mariscadoras e pescadores artesanais, cun incremento que en moitos casos pon en risco a continuidade da actividade; sobre todo, de determinadas mariscadoras e pequenas embarcacións.

A pesar de que en principio se advertía da exclusión deste incremento ás embarcacións inferiores a 10 toneladas, na realidade esta exclusión non se levou a cabo nin na aplicación nin na redacción definitiva do decreto.

Estes colectivos non foron escoitados, xa que estas medidas non se abordaron na mesa de negociación das comisións executivas do ISM. Ademais, non se lles deu información clara e previa desde este organismo, polo que non tiñan prevista a contía que recibiron das novas cotas da seguridade social.

Unha das modificacións máis importantes nas cotizacións das mariscadoras e doutros colectivos ten que ver co incremento das bases de cotización das continxencias profesionais, polo feito de ter coeficientes redutores para a xubilación (que se fixo lineal, sen contemplar os diferentes coeficientes de cada sector, sendo polo tanto unha suba inxusta.

A mellora das prestacións, como a suba da prestación por cesamento de actividade ou a exención de pago de cotas unha vez superados os 60 días de baixa médica, non compensa o brutal incremento dos custes para as mariscadoras e pescadoras artesanais.

 PROPOSICIÓN

1º.- Instar ao Goberno do Estado e o IMS a iniciar a negociación dun acordo coas confrarías, para mellorar as condicións dos traballadores do mar, incluíndo as novas cotas de cotización e as melloras nas prestacións

2º.- Instar ao Goberno do Estado a deixar sen efecto, mentres non se chegue a un acordo co conxunto do sector, a parte relativa ao incremento dos custes de cotización recollida no decreto 28/2018, respectando as melloras que contempla.

3º.- Instar ao ISM a realizar un estudio sobre a situación dos traballadores do mar en Galicia, tendo en conta as diferentes continxencias profesionais e, a partir dese estudio, demandar do Goberno central protección para eles.

4º.- Dar traslado do presente acordo aos grupos parlamentarios do Parlamento Galego e do Congreso dos Deputados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*