Marea publica un contador do tempo que Pontevedra leva agardando pola Renda Social Municipal

A Renda Social aprobouse o día 23 de decembro do ano 2016 e as persoas que máis o precisan para satisfacer as súas necesidades básicas seguen agardando a que o executivo local faga os deberes.

O contador estará activo na web de Marea Pontevedra ata que esta política social sexa unha realidade e axude a combatir a pobreza existente na cidade.

A renda social é unha prestación económica para facer fronte dun xeito digno ao pago de necesidades básicas e ten como finalidade modificar situacións de necesidade como apoio á inclusión social. O orzamento do Concello de Pontevedra recolleu por primeira no ano 2017, a proposta de Marea Pontevedra, unha partida de gasto de 400 mil euros para a creación dunha Renda Social Municipal encamiñada a facilitar a vida de máis de 100 persoas que atravesan unha situación complicada. Para este 2018 o orzamento, tamén a proposición de Marea Pontevedra, conta cunha cantidade de 425 mil euros.

O certo é que unha vez o colectivo cidadá fixo os deberes, o equipo de goberno segue sen resolver unha das políticas máis necesarias e urxentes da cidade. As persoas son o valor central da sociedade e, no seu beneficio, trabállase desde o individual ao colectivo, e viceversa, na procura da maior calidade de vida da cidadanía. Por iso hai que investir especialmente naquelas empobrecidas e excluídas socialmente para garantir o dereito a vivir con dignidade.

A Renda Social Municipal permitiría a moitas das persoas que peor o están pasando da nosa cidade cubrir as súas necesidades máis básicas. Cada día que pase sen que exista unha ordenanza e sen que as familias que máis o precisan poidan percibila estánse poñendo en risco os dereitos máis elementais de moitas veciñas de Pontevedra. Por este motivo, e como enésima medida de presión de Marea Pontevedra ao goberno de Lores para que cumpra cos seus compromisos, o colectivo cidadá ven de instalar na súa páxina web un contador do tempo que Pontevedra leva agardando por unha política tan necesaria.


CRONOLOXÍA DA RENDA SOCIAL MUNICIPAL

08.11.2016 Proposición GM Marea ao pleno para instaurar unha  RSM: dictaminada favorablemente
23.11.2016 Pleno orzamentos: asúmea o Bloque como unha das seis emendas, pendente da primeria modificación de crédito
30.3.2017 GM. Marea envíalle a concelleira responsable un borrador de ordenanza.  Non hai resposta
12.4.2017 Co noso voto o pleno aproba a modificación de crédito: 400.000 euros
25.4.2017 Reenvíaselle á nova concelleira responsable o borrador de ordenanza
16.7.2017 O Bloque proponnos modificar a Ordenanza de Emerxencia Social (aduce que axiliza a tramitación). O servizo achéganos un borrador que, na asesoría xurídica, se nos dí que, en efecto, mellora os supostos da emerxencia, mais non permite unha renda entendida como cantidade fixa, mensual e non finalista. Pedimos, ao non ter resposta sobre o noso borrador, que se propoña un borrador da nova Ordenanza de Renda Social (xa que non se estimou o noso).
25.10.2017 O concello solicita á Xunta de Galicia un informe sobre posible duplicidade da Renda Social Municipal (coa Risga).
13.11.2017 A Xunta responde que non incorreríamos en duplicidade. Tarda tres semanas, e inclúe resposta das consellerías de Política social, Facenda e Presidencia).
12.12.2017 Inicio formal do procedemento de elaboración da ordenanza de R.S: Trámite da consulta pública a través da páxina web do Concello para recabar opinión da cidadanía e organización afectadas pola elaboración da nova ordenanza.
15.12.2017 No pleno aprobamos a reforma da Ordenanza de Emerxencia (publícase no BOPP do 26.2.2018).
20.2.2018 O GM Marea reclámalle novamente a Concelleira o borrador da Ordenanza da Renda, que se comprometerá a presentar en xullo do 2017 (Reitérease a petición verbalmente cada semana. Sempre dí que para a semana seguinte estará)
28.3.2018 O GM Marea reitera por escrito a petición do borrador de Ordenanza, para que pase por comisión e poida ir ao pleno de abril.  O pleno será na o 13.4.2018, e o tema segue sen ir
19.04.2018 Elaboración de proposta de Ordenanza de RS a cargo de servizo de benestar social
25.4.2018 Elaboración da memoria da Ordenanza R.S. a cargo do servizo de benestar social
16.5.2018 Elaboración do informe asesoría xurídica
21.6.2018 Informe do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade (OXPC)
22.6.2018 Dilixencia de intervención
28.6.2018 O GM Marea solicita por escrito o acceso ao expediente de tramitación da ordenanza da RS. Deron acceso o 3 de xullo.
03.7.2018 Informe do servizo a inicio de expediente de gasto (Bases 9.4 e 51)
04.09.2018 Informe de Intervención con observacións a ter en conta.
13.09.2018 Comisión de Benestar Social para facer achegas ao borrador de proposta de ordenanza de Renda Social Municipal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*