Marea propón a erradicación dos eucaliptos na contorna das casas e instalacións do rural de Pontevedra nun prazo de tres anos

O portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, compareceu ante os medios para presentar a proposta de ordeamento forestal do colectivo, para prevenir os incendios e axudar a fixar poboación no rural de Pontevedra.

No verán de 2016 moitas familias das parroquias do rural pontevedrés viron as súas vivendas ameazadas polas lapas. Os incendios forestais máis graves chegaron a arrasar preto de 320 hectáreas en Ponte Sampaio, 70 hectáreas en Bora e outras 30 en Lérez e Verducido.Co motivo do inicio da “tempada de incendios” que cada ano estraga milleiros de hectáreas forestais de Galicia, Marea Pontevedra vén de presentar unha moción para que estas situacións non volvan a ser a principal nova do verán nun rural ameazado polo lume: “Estamos no momento: anunciase un verán con riscos de lumes, pola climatoloxía do inverno. Non pode haber política que axude a fixar poboación no rural se non se garanten unhas mínimas condicións de seguridade. O concello de Pontevedra ten 7.091 hectáreas de masa forestal, o 62,5 por cento do total, e non lle queda outra que dar resposta a iso”.

A moción presentada no día de hoxe recolle a preocupación polo continuo aumento da eucaliptización, unha especie calificada por combustible na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia. A mesma lexislación establece tamén “redes de faixas de xestión de biomasa”, e acolléndonos a iso propoñemos ir a unha franxa de 50 metros de distancia das vivendas e instalacións. O propio Luís Rei detallou o custe que suporía protexer os núcleos poboacionais máis afectados: “Temos 158 núcleos rodeados por eucaliptos. Segundo estimacións técnicas, protexer os nosos 158 núcleos, a unha media de tres hectáreas afectadas, daría unha superficie total de 500 hectáreas. Cun investimento medio de 3.000 euros por hectárea, a erradicación dos eucaliptos e a xestión alternativa desas franxas supoñería un gasto dun millón e medio de euros, que podería acometerse en tres anos. 

Por último matizou que si hai recursos para facelo: “En 2010 impulsouse o Parque Forestal do Pontillón. Nos orzamentos de 2016 e 2017, o Parque da Fracha-Marcón ten consignados 735.000 euros, e o da Tomba-Campañó ten, este ano, 441.000 euros. Pensamos que, fronte aos usos recreativos, a prioridade debe ser a seguridade” e lamentou o desfase do PXOM que lastra a prevención contra o lume, xa que permitiría “unha ordeación efectiva do territorio”


PROPOSTA DE MAREA PONTEVEDRA

  • Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) á realización dunha inspección urxente do estado das redes primarias de faixas de xestión de biomasa en todo o municipio e requirir, coa maior brevidade, das administracións responsables o cumprimento dos parámetros definidos na Lei de montes de Galicia e mais na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  • Instar a XGL á elaboración e tramitación urxente dun Plan de prevención de incendios forestais que conteña as accións máis necesarias (silvícolas, organizativas, informativas, educativas ou de calquera outra índole), na loita contra os incendios forestais. En todo caso, abranguerá as pistas, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias. Incluirá, tamén, unha ordenanza que limite expresamente as plantacións máis combustibles, con referencia especial ao eucalipto.
  • Instar a XGL a poñer en marcha unha Liña de axudas para a transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello. Habilitarase unha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, ao longo dun trienio, que incluirá plantacións que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume.

Ver moción

ordeamento montes 1 ordeamento montes 2 ordeamento montes 3 ordeamento montes 4

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*