Marea presenta unha moción para evitar a proliferación de salóns de xogos en Pontevedra

O aumento deste tipo de máquinas en Pontevedra alcanza o 66 por cento nos tres últimos anos e, segundo datos de AGALURE (Asociación Galega de ludópatas rehabilitados), a adicción ao xogo xa é moito maior nos usuarios das apostas deportivas que nos tradicionais casinos, bingos e máquinas tragaperras.

A adicción ao xogo é un dos graves problemas aos que nos enfrontamos como sociedade. O seu auxe, que coma todas as adiccións afecta en maior medida aos sectores máis vulnerables, comeza a evidenciar a necesidade dunha nova regulación deste tipo de actividades.

A administración estatal fai oídos xordos a esta realidade e permite unha publicidade máis que abusiva en practicamente a totalidade dos eventos deportivos transmitidos en directo sen ningún tipo de discriminación horaria. O mesmo sucede nos grandes valados publicitarios, na prensa escrita, na radio, na televisión e no propio centro das cidades, aproveitando as paredes serigrafiadas dos locais.

En Pontevedra cada vez temos máis salóns de xogo. Segundo os datos publicados na prensa local, funcionan no noso municipio 100 máquinas de apostas, 74 en locais de hostalería e 26 nos propios salóns de xogos das casas de apostas. Hai tres anos unicamente había 60 máquinas en bares e ningunha neste tipo de locais.

O aumento alcanza o 66 por cento deste tipo de máquinas e, segundo datos de AGALURE (Asociación Galega de ludópatas rehabilitados), esta patoloxía xa é moito maior nos usuarios das apostas deportivas que nos tradicionais casinos, bingos e máquinas tragaperras.

Esta adicción afecta en maior medida aos sectores de poboación máis vulnerables, especialmente a mocidade aínda en formación, a poboación inmigrante e as persoas desempregadas. Ademais, o escaso control no acceso a este tipo de máquinas permite que os e as menores poidan facer uso delas, algo especialmente problemático cando se converten no principal público obxectivo da publicidade.

A nivel municipal, o servizo de conductas aditivas, xa leva atendidos numerosos casos de menores de entre 14 e 18 anos, de ambos sexos, que presentan problemas con estas adiccións, principalmente as relacionadas coas apostas on-line.

Dado que as administracións autonómica e estatal non entenden que sexa preciso regular esta ameaza aditiva, e dado que debemos protexer a nosa veciñanza máis vulnerable, presentamos ante o pleno de Pontevedra para o seu debate a seguinte

PROPOSICIÓN:

Instar á Xunta de Goberno Local a regular, coa fórmula que determinen os servizos técnicos do Concello, o control e limitación de apertura de salóns de apostas, establecendo distancias mínimas de salvagarda a respecto doutros locais deste tipo xa abertos e tamén dos seguintes espazos:

  • Centros e servizos como colexios e facultades universitarias,
  • Bibliotecas públicas, centros sociais e de atención socio-sanitaria,
  • Sedes de asociacións xuvenís,
  • Centros e residencias de maiores,
  • Comedores sociais, albergues sociais,
  • Oficinas de emprego,
  • Asociacións recreativas e veciñais, 
  • Asociacións que traballen con colectivos especialmente vulnerables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*