Marea presenta un plan para defender do lume as vivendas das parroquias de Pontevedra

O colectivo cidadá liderará a posta en marcha urxente despois do 26 de maio dun plan de choque para a eliminación do risco de incendios forestais limpeza e erradicación de especies inflamables na contorna de núcleos de vivendas, instalacións e infraestruturas.

Manuel Fontán e Peque González, terceiro e cuarta da lista de Marea Pontevedra para as municipais, presentaron esta mañá unha batería de actuacións urxentes para que a veciñanza de Pontevedra non teña que vivir a cara máis amarga dos lumes.

Logo das dramáticas situacións que estamos a vivir nos últimos días en diversas localidades do País, en que as lapas dos lumes forestais chegaron a vivendas, instalacións e infraestruturas, o grupo municipal de Marea Pontevedra quere, unha vez máis, situar nun plano prioritario das actuacións municipais a prevención de incendios forestais e a defensa das vivendas e propiedades nas parroquias rurais do termo municipal.

Peque González criticou que as diferentes administracións están mirando para outro lado ante unha realidade tráxica e solicitou a adopción de medidas urxentes: ‘as institucións públicas, todas elas teñen que poñer en marcha medidas de prevención. Ás que lles compete con respecto ao tratamento do monte, a súa funcionalidade e a súa recuperación, como é a Xunta de Galicia, deberán implementalas, en atención aos intereses do país e non de grandes emoresas. E ás que lles compete, neste caso ao concello, cómo institución máis próxima aos cidadáns, na protección das persoas e as súas vivendas‘.

Nos últimos 4 anos de goberno municipal, Marea ten presentado dúas mocións no Pleno do Concello, instando ao goberno local á elaboración dun Plan de prevención de incendios e a habilitación dunha franxa de 50 mts desde as vivendas, que inclúa plantacións, cultivos ou áreas gandeiras que sirvan de barreira de protección contra o lume. Marea Pontevedra tamén solicitou nos orzamentos a incorporación de medidas de protección: As propostas foron rexeitadas, así como as mocións, pola colaboración entre o  Bloque de Lores e o Psoe, que votaron en contra e abstivéronse, respectivamente, sen preocuparse polos veciños afectados. A negativa ou a calada por resposta que acostuma dar o goberno municipal ás propostas que non veñen da súa man, ou a dos seus afíns, son a tónica habitual da maneira de gobernar de Lores. Insistimos na nosa preocupación e sabemos que é necesario un cambio profundo na maneira de gobernar este concello, cambio que virá da man de Luís Rei despois do 26 de maio.

Manuel Fontán tampouco dubidou en cuestionar a falta de responsabilidade do goberno municipal, máis pendente da propaganda que de mellorar a calidade de vida da xente, especialmente das persoas que habitan un rural que perde poboación a pasos axigantados: ‘pola súa pasividade, inacción e rexeitamento do diálogo democrático o viaxeiro Bloque de Lores, demostrou sobradamente a súa incompetencia para enfrontar este importante asunto. Trátase dun goberno que poderiamos calificar do tipo TRIVAGO, máis preocupado por buscar hoteis para a súa vindeira viaxe, que por ir aos lugares do rural en risco de lume e darlle solucións á veciñanza a este gravísimo problema’.

O propio Manuel Fontán recalcou que a perda de poboación obedece a falta de seguridade da poboación que vive máis próxima aos nosos montes: ‘nos últimos 20 anos vive arredor dun 10% menos de persoas nas parroquias de Pontevedra e un dos factores determinantes é a falta de seguridade vital, ao sentirse as persoas ameazadas polos grandes lumes forestais. Marea Pontevedra entende absolutamente prioritario garantir a seguridade vital nas parroquias, polo que a partir do 26 de maio vai liderar no goberno do Concello a defensa e loita contra os lumes  forestais’.


INCUMPRIMENTO DO GOBERNO MUNICIPAL

O goberno municipal incumpre as obrigas legais respecto da prevención de incendios forestais da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e mais a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como Elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Tamén incumpre as súas propias promesas en temas que poderían axudar a previr incendios como a creación de parques forestais. Anunciaron 2 alá polo 2014-2015, na Fracha (Tomeza, Marcón e Canicouba) e outro no monte da Tomba (Campañó) e no final do mandato nada hai disto iniciado. É máis, o que existe dende o 2010, o Parque forestal do Pontillón esmorece polo abandono do goberno municipal do Bloque de Lores.

Xa que logo o balance é moi negativo nesta materia no mandato, poderíamos falar de catro anos perdidos pola inacción do goberno, e negativa a dialogar e aceptar propostas dos que non son do seu partido. Existe moita preocupación na veciñanza das parroquias, pois dos 160 núcleos que ten Pontevedra unha parte maioritaria están rodeados de especies altamente combustibles e en estado de avanzado abandono.


CAMBIOS NA NORMATIVA

A Fiscalía Xeral do Estado iniciou un expediente para comprobar se os concellos máis afectados polo lume dispoñían ou non de Plans de Prevención municipal. A Fiscalía da un paso máis e mediante un oficio remitido aos municipios e advírtelles que poderá emprender acciones penais contra eles no caso de que a ausencia de estes plans contribúa de forma determinante á propagación de incendios.

LEI autonómica 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Que permite a expropiación en caso de reiterado abandono das propiedades ou a xestión por zonas ou lotes da retirada de especies prohibidas nos contornos dos núcleos.


PLAN DE EMERXENCIA -DE CHOQUE-, PARA, A PARTIR DO 26 DE MAIO CO LIDERADO DE MAREA PONTEVEDRA, COMEZAR A GARANTIR A SEGURIDADE VITAL NOS CONTORNOS DOS NÚCLEOS DAS PARROQUIAS.

Creación inmediata dunha comisión de traballo cos axentes máis directamente involucrados:  Servizo de montes da xunta, representantes veciñais, propietarios  forestais, comunidades de Montes, Empresas do sector forestal.

1.Inicio da retirada por zonas(lotes) da totalidade de especies máis combustibles instando á venta colectiva por lugares ou zonas cos reunións cos diferentes axentes involucrados.  O Concello axudará nas labores técnicas de medición e valoración da madeira para axilizar ao máximo a retirada da mesma. No caso de abandono ou negativa a limpar reiterada das parcelas non descartamos acudir á vía da expropiación que permite a lei.

  1. Realización dunha inspección urxente do estado das redes primarias de faixas de xestión de biomasa (infraestruturas, estradas, tren electricidade etc…) en todo o municipio e requirir, coa maior brevidade, das administracións responsables o cumprimento dos parámetros definidos na Lei de montes de Galicia e mais na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  2. Elaboración e tramitación urxente dun Plan de prevención de incendios forestais municipal, obrigatorio conforme á Lei de montes e de prevención de incendios, que conteña as accións máis necesarias (silvícolas, organizativas, informativas, educativas ou de calquera outra índole), na loita contra os incendios forestais. En todo caso, abranguerá as pistas, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias. Incluirá, tamén, unha ordenanza que limite expresamente as plantacións máis combustibles, con referencia especial ao eucalipto.
  3. Posta en funcionamento urxente dunha Liña de axudas para a transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello. Habilitarase unha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, ao longo dun trienio, que incluirá plantacións que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*