Marea Pontevedra visita o mercado en “misión comercial” e aposta pola Praza de Abastos como motor económico

Varias candidatas de Marea Pontevedra acompañaron a Luís Rei, Teresa Casal e Celia Abal nunha visita ao mercado, no que definiron como unha misión comercial máis modesta que a realizada a México polo goberno municipal hai un ano da que se descoñece a día de hoxe o retorno económico que tivo para a cidade.

No mercado de abastos traballan diariamente arredor de 100 persoas que so contan co apoio actual de 5 empregados municipais cando noutras épocas eran máis de 10. As solucións ao mercado que Marea Pontevedra propón pasan, entre outras, pola inclusión dunha consigna de frío e a ampliación do plantel de traballadores municipais, e non quedar na  redecoración do andar superior e na improvisación xeralizada no resto coa que o goberno municipal  enfronta as actuacións na praza.

Teresa Casal: ”Queremos suspender ao BNG con dúas sonoras cabazas pola mala xestión do mercado. No ano 2007, cando deixei esta responsabilidade, estábase estudando a colocación dun cortaventos traseiro no acceso ao corredor central, e hoxe, 12 anos despois, aínda non está xestionado. É inaceptable que un tema tan importante como este mercado, que foi motor económico de Pontevedra, agora estea completamente abandonado polo goberno municipal.”

Celia Abal:”Eu sempre estiven no mercado, levo 40 anos aquí, estiven en todos os traslados, e nunca se nos fixo caso, non se conta con nós para nada. Os baños do primeiro andar cambiáronse, pero os de abaixo levan desde xaneiro sen luz e din que teñen que  pedir un orzamento; que teñan claro que os concesionistas de abaixo non imos estar quietos”.

Luís Rei: “A zona monumental vive un declive, cunha baixada de residentes en 20 anos de 2500  aos 2000 que ten actualmente, e co esmorecemento do comercio de proximidade, cun tercio dos locais abandonados ou en ruínas. A zona monumental non pode vivir de costas á praza de abastos, que debería actuar como locomotora de todo o sector, e actualmente é unha locomotora gripada. A non actuación no mercado con medidas eficaces permite alimentar a sospeita de que detrás de todo está o ánimo de privatizar primeiro o andar superior, e finalmente acabar privatizando todo o mercado que é propiedade de todos os pontevedreses e mantén a súa actividade no emprazamento actual desde hai 70 anos”.


A PROPOSTA DE MAREA

O obxectivo de revitalizar o mercado e axudar á reactivación económica, comercial e mesmo residencial da Zona Monumental debe basearse, entre outras, nas seguintes melloras:

  • Recuperar a xestión pública do andar superior.
  • Incrementar o número de empregados públicos.
  • Adecuar o contrato de limpeza ás necesidades do mercado.
  • Instalar:
  1. Cortaventos no acceso ao corredor central.
  2. Filtro solar nos lucernarios da zona de venta do peixe.
  3. Máquina de fabricación de xeo.
  4. Consigna de frío no andar inferior.
  5. Nova verxa no lateral esquerdo
  • Ofrecer o envío da compra a domicilio.
  • Habilitar o uso de wifi en todo o mercado (e non só no andar superior).
  • Dispoñer de carriños de compra para os clientes.
  • Instalar “taquillas” para as praceiras que agora carecen delas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*