Marea Pontevedra urxe a posta en marcha dun plan de prevención de incendios forestais no Concello para a limpeza e erradicación de especies inflamables na contorna dos núcleos de vivendas

Pedirá a súa incorporación ao Orzamento Municipal de 2018, cun investimento anual de medio millón de euros durante tres anos.

Lograríanse eliminar eucaliptos e outras especies perigosas nas contornas das casas do rural pontevedrés.

Logo das dramáticas situacións que estamos a vivir nos últimos días en diversas localidades do País, en que as lapas dos lumes forestais chegaron a vivendas, instalacións e infraestruturas, o grupo municipal de Marea Pontevedra quere, unha vez máis, situar nun plano prioritario das actuacións municipais a prevención de incendios forestais e a defensa das vivendas e propiedades nas parroquias rurais do termo municipal.

O pasado mes de maio o grupo municipal de Marea Pontevedra, presentou ante o Pleno do Concello de Pontevedra unha serie de propostas neste sentido:

  1. Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) á realización dunha inspección urxente do estado das redes primarias de faixas de xestión de biomasa (infraestruturas, estradas, tren electricidade etc…) en todo o municipio e requirir, coa maior brevidade, das administracións responsables o cumprimento dos parámetros definidos na Lei de montes de Galicia e mais na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  2. Instar a XGL á elaboración e tramitación urxente dun Plan de prevención de incendios forestais municipal, obrigatorio conforme á Lei de montes e de prevención de incendios, que conteña as accións máis necesarias (silvícolas, organizativas, informativas, educativas ou de calquera outra índole), na loita contra os incendios forestais. En todo caso, abranguerá as pistas, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias. Incluirá, tamén, unha ordenanza que limite expresamente as plantacións máis combustibles, con referencia especial ao eucalipto.
  3. Instar a XGL a poñer en marcha unha Liña de axudas para a transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello. Habilitarase unha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, ao longo dun trienio, que incluirá plantacións que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume.

É de lamentar que esta moción non acadase os apoios para a súa posta en marcha ao contar co voto negativo do grupo do BNG e mais a abstención do grupo do PSOE. Non obstante, para Marea Pontevedra é prioritaria a defensa da veciñanza do rural, do seu acceso a uns servizos municipais dignos e dunha axeitada calidade de vida. Para acadarmos todo isto cómpre, antes de nada, rematar coa inseguridade permanente de vivir coas súas propiedades ameazadas polo lume.

Por último, dende Marea Pontevedra entendemos  que outras administracións deberían de sumarse con achegas de investimento a este Plan. En primeiro lugar A Xunta de Galicia, por ser o goberno do PP o principal valedor da política de monocultivo forestal e da permanencia de ENCE na ría, causa principal da eucaliptalización explosiva dos nosos montes. Mais tamén a Deputación de Pontevedra que ao igual que o Concello de Pontevedra dálle prioridade á creación de parques forestais fronte á prevención.  O grupo municipal de Marea Pontevedra propón formularmos unha nova escala de prioridades en que, sen renunciar ao valor recreativo do monte, se sitúe nun primeiro plano o sentido común, a protección contra o lume dos núcleos rurais, vivendas e infraestruturas, de xeito que, dunha vez por todas, poidamos deixar atrás a condena permanente dos lumes ao carón das nosas casas.


CONCENTRACIÓN: LUMES NUNCA MÁIS. 20:00. PRAZA DA PEREGRINA

Marea Pontevedra participará das concentracións convocadas para o día de hoxe, luns 16 de outubro, en moitos concellos galegos e en cidades como Madrid e Barcelona. En Pontevedra, a cita será as 20:00 na Praza da Peregrina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*