Marea Pontevedra traslada o seu apoio ás traballadoras de productos elaborados do mar nas súas xustas reivindicacións

O colectivo cidadá solidarízase coas empregadas dun sector estratéxico do país, no que traballan moitas veciñas da cidade.

A precariedade laboral no sector dos elaborados do mar, en xeral, e nas empresas situadas no Porto de Marín, en particular, é unha realidade que padecen de xeito directo milleiros de persoas de Pontevedra e da súa contorna. As traballadoras denuncian xornadas de máis de dez horas e con horarios incompatibles coa conciliación familiar para, no mellor dos casos, cobrar entre 750€ e 800€ mensuais.

Nas Rías Baixas este tipo de industrias sempre supuxeron riqueza e permitiron o desenvolvemento das poboacións costeiras, que agora vén como o retroceso en dereitos laborais e a precarización salarial dificultan o máis elemental dereito a unha vida digna para as persoas vinculadas a esta profesión.

O pasado mércores, mentres se manifestaban na entrada do Porto de Marín, as traballadoras foron vítimas dunha carga policial que Marea Pontevedra entende como desmedida e fóra de lugar. É preocupante que empresas que se sitúan en terreos de dubidosa legalidade ‘a cambio de crear postos de traballo para a poboación local’, multipliquen beneficios a conta do traballo precario e resten calidade de vida ás poboacións nas que se asentan.

Marea Pontevedra apoia as xustas reivindicacións das traballadoras e ofrece todo o seu apoio para rematar coa precarización, poder avanzar na recuperación de dereitos laborais e para engrandecer un sector que debería  ser exemplar en materia laboral e ser un dos grandes motores do crecemento económico da comarca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*