MAREA PONTEVEDRA súmase a EN MAREA, coa idea de que tras o 20D se converta no novo proxecto común cooperativo democrático e cidadán

En Marea Pontevedra cadradoA Coordinadora Xeral de MAREA PONTEVEDRA reunida hoxe, 13 de novembro de 2015, co fin de avaliar o proceso seguido para a constitución da Coalición Electoral EN MAREA para as próximas Xerais do 20D fixo a seguinte valoración:
1. O pasado 10 de xullo a Asemblea Xeral de Marea Pontevedra acordou por unanimidade participar nunha candidatura de unidade democrática para as eleccións xerais sempre que arredor dela se unirán as organización políticas que deron cobertura e apoio á MAREA PONTEVEDRA nas eleccións municipais do pasado 25 de maio. Por iso Marea Pontevedra desde un primeiro momento saudou como necesario o acordo conxunto de Anova, EU e Podemos.
2. Eramos conscientes de que a construción dun espazo de unidade popular pasaba polo acordo entre os partidos da ruptura democrática, pero tamén, igualmente, polas Mareas municipalistas e polas organización cívicas que actúan contra os recortes socias e democráticos. Sen estes últimos non é posible construír o bloque político e social do cambio.
3. Desde MAREA PONTEVEDRA dirixímonos a outras Mareas e participamos en diferentes encontros encamiñados a asentar o polo cidadán da candidatura. Entre esas diferentes citas acudimos a xornada do 22 de agosto do Encontro Cidadá por unha Marea Galega ao entender que no proceso de construción dunha alternativa democrática en Galicia era necesario un instrumento cidadán que canalizara as demandas de participación dunha maioría que intervimos en política alleos ás dinámicas partidarias.
4. MAREA PONTEVEDRA inserta as eleccións xerais, e a súa importancia, na dinámica de cambio iniciado simbolicamente nas prazas o 15M de 2011. Trátase de colocar nas mellores condicións ás forzas políticas e sociais de cambio nun proceso constituínte, xa iniciado, e asegurar como nas municipais o mellor resultado para as forzas democráticas.
5. Entendemos que unha cousa é o proceso que foi tendo diferentes etapas (AGE-Podemos-Mareas) e outra ben distinta é a dinámica propia de cada convocatoria electoral. En todo caso cremos que o predominio das dinámicas partidarias en detrimento das Mareas introducen dinámicas que xa deberían estar superadas, supoñen un retroceso en niveis de radicalidade democrática conseguidas durante as municipais e poñen sobre a mesa as contradicións existentes entre a ‘nova política’ que se vai abrindo paso e a ‘vella política’ que aínda esta moi presente nos espazos partidarios.
6. Para MAREA PONTEVEDRA a Coalición EN MAREA configura a alternativa electoral máis próxima á posición política de MAREA PONTEVEDRA que se presenta ás próximas eleccións xerais..
7. MAREA PONTEVEDRA considera que a construción dun novo proxecto común de carácter estratéxico e democrático, que non funcione con dinámica de partes nin de xeito cúpular, e que teña continuidade cara as eleccións autonómicas do próximo ano son elementos principais que esixen da implicación activa das Mareas municipalistas.

Por todo isto ACORDAMOS:

A. Sumarnos á Coalición EN MAREA co fin de asegurar o máximo de votos para esta candidatura e para incidir na súa posterior evolución inclusiva e democrática.
B. Animar a base activista e social de MAREA PONTEVEDRA a inscribirse no censo de EN MAREA para asentar unha base social democrática, unha persoa un voto, dun novo suxeito político.
C. Establecer con outras Mareas un espazo común, canalizado a través do ENCONTRO POR UNHA MAREA GALEGA, para asegurar a participación política e orgánica de MAREA PONTEVEDRA nas decisións que a partir de agora vaia tomando EN MAREA.
D. MAREA PONTEVEDRA non aporta como tal candidatos e candidatas a EN MAREA.
E. Dirixirse ás agrupacións locais de Anova, EU e Podemos de Pontevedra, para conformar o antes posible a Coordinadora Local de EN MAREA Pontevedra que coordine os traballos da campaña electoral.

MAREA PONTEVEDRA vai a estar atento á evolución do proxecto de EN MAREA para que este asegure a súa unidade institucional, política e de recursos, así como o seu carácter democrático radical e a súa continuidade no tempo.
HAI MAREA!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*