Marea Pontevedra solicitará no pleno a implantación dun comedor escolar no IES Sánchez Cantón para o alumnado de secundaria

O colectivo cidadá presenta unha moción para apoiar a tramitación que está a levar a FANPA de Pontevedra ante o centro educativo e a Consellería de Educación e solicita que o Concello de Pontevedra consulte coas familias a necesidade de implantación deste servizo.

A educación é un dereito universal, recoñecido por todos. A oferta educativa refírese non só a un currículo educativo que regula os procesos de ensino-aprendizaxe, se non tamén aos servizos que os centros educativos ofertan ao seu alumnado para facilitar eses procesos.

O servizo educativo complementario de comedor escolar ten a finalidade de promover hábitos alimentarios saudables e unha alimentación con garantías, e é atendido por monitores que se encargan do programa e da garda e custodia das nenas e nenos que utilizan o servizo, cunhas garantías de responsabilidade controladas.

En Pontevedra, a FANPA xestiona os comedores escolares nos centros educativos públicos radicados do concello, que o pasado curso escolar 2017-18 deron servizo a  1.100 alumnas e alumnos da cidade. O concello de Pontevedra subscribiu coa FANPA un convenio que permite que as familias acheguen unha cantidade reducida para sufragar o custo do servizo. Ademais, de entre as nenas e nenos de familias con maiores dificultades económicas, 32 recibiron unha axuda xestionada polos servizos sociais e 54 recibiron a axuda da propia FANPA.  Dos beneficiarios que o curso pasado utilizaban os comedores escolares, unha porcentaxe significativa cursaron o último curso de educación primaria, con 11 ou 12 anos. No presente curso, estas alumnas e alumnos incorporáronse aos Institutos de Educación Secundaria correspondentes. Deben seguir no ensino obrigatorio, no ensino público, e, segundo a Convención de dereitos do neno, continúan a ser nenos ata que cumpren os 18 anos.

A Lei Orgánica de Educación (LOE), e a Lei Orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), actualmente vixentes no sistema educativo, establecen dúas etapas de educación obrigatoria: a primaria, que se cursa entre os 6 e os 12 anos, e a secundaria, entre os 12 e os16 anos.

Os nenos e nenas de 12 a 16 anos, que teñen a obriga de cursar a educación secundaria, deberían ter tamén acceso aos mesmos dereitos que os que están en primaria; entre eles,  o dereito a un servizo de comedor igual ao dos centros privados da cidade que ofertan estas ensinanzas. O alumnado dos centros de ensino público debe ter os mesmos dereitos, e correspóndelle as administracións aseguralo.

O Decreto 132/2013, do 1 de agosto, que regula os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios, establece o seu funcionamento na ensinanza básica obrigatoria, correspondente a educación primaria e secundaria, e alude a necesidade de garantir a efectividade desa educación básica dentro dos principios de igualdade e solidariedade.

A FANPA de Pontevedra solicitou nos últimos meses a implantación dun comedor escolar para alumnado de secundaria no IES Sánchez Cantón. Ata o momento, esta solicitude atopou respostas negativas dos órganos de goberno do propio centro e da Consellería de educación. O Concello, non debe permanecer alleo a esta petición, xusta e necesaria para as nenas e nenos da cidade que optan polo ensino público, facéndoa súa, a semellanza do que fan outros concellos.

PROPOSICÍÓN:

  1. Apoiar a tramitación que está a levar a FANPA de Pontevedra ante o centro educativo e a  Consellería de educación para a implantación neste curso 2018-19 dun comedor escolar no IES Sánchez Cantón.
  2. Instar ao Consello escolar municipal a realizar unha consulta coas familias do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria dos IES da cidade sobre a necesidade de implantar o servizo de comedor de cara ao vindeiro curso 2019-2020.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*