Marea Pontevedra solicita que o Pleno de Pontevedra exprese o seu rexeitamento ao fallo xudicial da sentenza xudicial ao grupo de violadores ‘A Manada’

A concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, rexistrou esta mañá unha moción instando ao máximo órgano do Concello de Pontevedra a rexeitar un fallo, que xa nestes días foi condenado pola sociedade nas rúas.

A noite do 7 de xullo de 2016, durante a celebración dos Sanfermíns en Pamplona, cinco  homes (auto-proclamados como “La Manada”) violaron e vexaron a unha moza de 18 anos, furtando posteriormente o seu móbil para evitar que pedise axuda e deixándoa tirada nun portal.

Vinte meses despois, en novembro do 2017, comezou o xuízo perante a Audiencia de Navarra. Durante todo o proceso, por parte dos maxistrados e da defensa dos acusados, a vítima foi cuestionada, exposta, humillada e xulgada cos argumentos máis machistas. Mesmo tentaron introducir como proba da inocencia dos agresores que a moza refixo a súa vida; porén, todas as probas (vídeos, testemuñas, conversas de whatsapp) facían evidente a premeditación e o comportamento delitivo dos membros de “La Manada”.

Catro meses tardarían en ditar sentenza. Finalmente, a resolución absolve aos acusados do delito de agresión sexual e condénaos a nove anos de prisión por un delito continuado de abuso sexual con prevalimento, recollido no artigo 181.3 CP. Así, os maxistrados, nunha rancia interpretación do Código Penal, consideran que non existiu intimidación, aínda que recoñecen que non houbo consentimento da vítima.

As críticas e as mobilizacións, con toda a lexitimidade, atacaron o fallo, entendendo que a moza estaba manifestamente intimidada e sen capacidade algunha de defenderse, e visibilizando os prexuízos aos que se enfrontou no proceso, que non teñen cabida nun Estado de Dereito construído ao amparo da igualdade e da non discriminación. Ademais, aínda que o delito de violación sufriu grandes cambios nos últimos anos, a súa ampla marxe interpretativa deixou á agredida nas mans dunha discrecionalidade xudicial que, neste caso, errou de maneira evidente.

Por outra banda, Marea Pontevedra entende como preocupante que, na nosa sociedade, teña cabida un voto particular como o emitido polo maxistrado Ricardo González, que absolve aos acusados de tódolos delitos ao considerar que non se apreza ningún tipo de violencia sexual.


PROPOSICIÓN:

  1. Manifestar o rexeitamento á sentenza e á interpretación legal realizada polos maxistrados da Audiencia de Navarra, entendendo que si existiu intimidación e, polo tanto, unha violación que debe ser considerada agresión sexual, e non abuso, tal e como se establece nos artigos 178 e seguintes do Código Penal.
  2. Denunciar o feito de que as mulleres sigamos sendo dobremente vítimas: por parte dos agresores e por parte dunhas institucións asentadas no patriarcado e na criminalización das agredidas.
  3. Instar ao Goberno e ás Cortes a levar a cabo as políticas e iniciativas lexislativas precisas para equiparar normativamente a ausencia de consentimento á súa negativa no eido dos delitos contra a liberdade e a indemnidade sexuais.
  4. Intensificar, nas políticas do noso Concello, a perspectiva de xénero para garantir un sistema máis xusto e democrático ás mulleres que residen nel.
  5. Instaurar medidas reais de empoderamento das mulleres en tódolos ámbitos, nomeadamente nas institucións; así como garantir instrumentos de concienciación social que sirvan para educar na igualdade e na liberdade das persoas coa fin de rematar coas violencias machistas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*