Marea Pontevedra solicita o rescate para a xestión pública da AP-9 e a paralización da subida de peaxes

O colectivo cidadá tamén defenderá no pleno de Xaneiro a aplicación dun sistema de bonificacións para as usuarias da autoestrada e a transferencia da competencia á Xunta de Galicia.

Creada por Decreto en 1973, Autopistas do Atlántico SA (Audasa) abriu en 1979 o seu primeiro tramo ao tráfico, entre Santiago e A Barcala, e na actualidade cubre os 219,6 quilómetros que separan Ferrol da fronteira portuguesa. O período de explotación inicial era de 39 anos e vencía en 2012.

En 1979, un goberno de UCD ampliou a concesión un ano máis, ata 2013. E un goberno do PSOE, en 1994, outorgoulle unha segunda prórroga, por dez anos, que ampliaba a negocio ata 2023. En 2000, un goberno do Partido Popular  presidido por José María Aznar, sumáballe a iso unha nova prórroga de 25 anos, con remate en 2048 e, por tanto, estendendo a vixencia total ata o máximo legal posible, de 75 anos.

Paralelamente blindouse o incremento das tarifas, autorizando durante dúas décadas seguidas un 1 por cento anual, ao que se lle engade un 0,9 por cento (en todas as peaxes) para rebaixar o custe de determinados usuarios habituais dun único tramo (Pontevedra-Vigo).

Coas facilidades desta política espoliadora, e prestando un servizo de pésima calidade, a empresa propietaria (Itínere, con maioría dun fondo de investimento norteamericano), converte os 25.000 vehículos que percorren a AP-9 de media diaria en reféns da súa cobiza e penaliza as economías de cidadáns e empresas.

Mercé a iso, nos últimos vinte anos, entre 1997 e 2016, a empresa recadou 2.344 millóns de euros en peaxes, que lle permitiron acumular 1.181 millóns de euros en beneficios. Gañou, por tanto, un euro por cada dous facturados, unha cifra de auténtico monopolio, e a todas luces desmesurada para unha empresa cuxo capital social (é dicir, o investido polos socios) se reduce a 196 millóns de euros.

En 2018 ábrese a posibilidade de corrixir esa flagrante inxustiza. Primeiro, porque entre 2018 e 2021 rematan os prazos de concesión da maior parte das actuais autoestradas de competencia estatal. E segundo, porque o Estado sentou o precedente de acudir con diñeiro público ao rescate das autoestradas radiais de Madrid.

Por tanto, o 70 por cento das autoestradas de competencia estatal están xa no sector público, ou van estar de xeito gradual nos vindeiros catro anos. As únicas excepcións, entre as vías que superan os 100 quilómetros de percorrido, son a AP-68, Bilbao-Zaragoza, que finaliza o período concesional en 2026, e, sobre todo, a AP-9, que se eternizará ata 2048.

Con estes antecedentes, Marea Pontevedra sumase ao clamor de Galicia contra un calote que ameaza con seguir gravando desmesuradamente as economías das nosas familias e empresas durante dúas xeracións máis.


PROPOSICIÓN:

  1. Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) a dirixirse ao Ministerio de Fomento reclamándolle unha fórmula que suspenda a suba abusiva das peaxes da AP-9  aplicada desde o 1º de xaneiro de 2018, e pedíndolle que obrigue á empresa a arbitrar un sistema de bonificacións aos usuarios máis semellante á media destas vías no resto de España (por número de viaxes mensuais, por circular en horas nocturnas, por facelo con coches con tres ocupantes ou máis…)
  2. Instar a XGL a solicitar do Goberno central a inmediata transferencia da competencia sobre a AP-9 á Xunta de Galicia, secundando a petición nese sentido que xa lle fixo o pleno do Parlamento Galego, por acordo unánime.
  3. Instar a XGL a reclamar do Goberno central o rescate para o público da xestión da AP-9, para evitarnos o agravio de estarmos condenados a ter, entre 2026 e 2048, a única autoestrada do Estado en mans privadas e sometida á lóxica do negocio monopolístico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*