Marea Pontevedra solicita medidas para axustar os horarios de estacionamento nas zonas de ‘carga e descarga’

O obxectivo é gañar prazas de aparcamento libre e gratuíto. A medida non afectará ao centro histórico e contempla aumentar de 15 a 30 minutos o tempo de estacionamento nas prazas de servizos.

O avance do denominado “modelo de cidade”, en favor da convivencia coa mobilidade peonil e dos lugares de lecer e coa perda de espazo para a mobilidade motorizada, está reducindo os espazos públicos de estacionamento gratuítos en superficie. Isto aféctalle de xeito especial aos residentes que, tanto no centro coma na contorna, carecen de garaxe propio e precisan facer uso dos seus vehículos en desprazamentos cotiás para os que a cidade non lle ofrece a alternativa do transporte público.

Para o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, é unha iniciativa que pretende paliar a eliminación de prazas  de estacionamento motivado polo modelo de cidade: ‘Pretendemos aliviar un pouco esta situación porque non ten sentido en carga e descarga manter o estacionamento ata as 9 da noite, pensamos que abonda con facelo ata as 7:30 ou as 8:00 da tarde, e o tempo de servizo tamén pode ampliarse de 15 a 30 minutos. O marco disto no Concello está establecido por unhas directrices e os horarios puxéronse nuns bandos, polo que debería ser relativamente sinxelo establecer as modificacións tamén a través duns bandos’.


ACTUALMENTE:

O Concello de Pontevedra dispón das Directrices para a aprobación das ordenanzas reguladoras de usos e protección dos espazos públicos e instrucións sobre o tratamento dos espazos públicos. Nelas defínense os espazos públicos  como un elemento esencial e decisivo entre os factores que inciden na calidade e na ordenación da vida individual e colectiva e tamén describen os espazos públicos e as súas funcións, e definen unhas normas xerais para compatibilizar e priorizar as actividades que se desenvolven neles. A tradución disto a horarios concretos faise en Bandos:

  1. “De carga e descarga de mercadorías e servizos no centro histórico de Pontevedra” (entrou en vigor ás 08:00 horas do 1 de decembro de 2006). As operacións de carga e descarga de mercadorías efectuaranse os días laborais entre as 08:00 e as 12:00 horas, de mañá, e entre as 16:00 a 18:00 horas, de tarde, e cada vehículo disporá dun máximo de 30 minutos por estacionamento para a execución destas operacións (quedan fóra destes límites os servizos públicos e as emerxencias, á parte de servizos de particulares residentes coma o transporte de vultos pesados ou o de persoas con mobilidade reducida, á parte dos portes de mensaxería, de pedidos de comida rápida ou as subministracións a farmacias). As vías que delimitan o centro histórico, a estes efectos son a Praza Peregrina e as rúas Michelena, Praza España, Arcebispo Malvar, Valentín García Escudero, Serra, Padre Amoedo e un treito de Benito Corbal.
  2. “De estacionamento e carga e descarga de mercadorías no caso urbano de Pontevedra” (entrou en vigor as 08:00 horas do 31 de xaneiro de 2008). As operacións de carga e descarga no casco urbano deberán realizarse os días laborais (quedan excluídos os domingos e festivos), entre as 08:00 horas e as 13:30 horas, de mañá, e entre as 16:30 e as 21:00 horas, de tarde, e cada vehículo disporá dun máximo de 30 minutos. Ademais, nas vías do centro histórico e nas rúas peonís do resto da cidade onde a sinalización vertical recolla o texto “agás servizos”, está permitida a parada ou estacionamento de todo tipo de vehículos por un período máximo de 15 minutos, para realizar xestións de tipo administrativo, privado, lúdico, comercial ou de calquera outra índole.

     PROPOSICIÓN:

  • Instar a Xunta de Goberno Local a acortar o horario de estacionamento nas zonas de “carga e descarga” (agás no centro histórico), para ampliar as opcións de estacionamento libre e gratuíto.
  • Instar á Xunta de Gobeno Local a acortar tamén o horario das “zonas de servizos”, ampliando nelas o límite de tempo, de 15 a 30 minutos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*