Marea Pontevedra solicita explicacións sobre a proliferación de coches abandonados no entorno de Tafisa

Os solares urbanos dos terreos ocupados antigamente por Tafisa atópanse na maior parte dos casos en estado de abandono e manifestan diversas deficiencias e posibles riscos. Estamos ante 112.000 metros cadrados. Excluídos os 17.500 metros reservados para a Universidade e a parte de zonas verdes e de viais (case 60.000 metros máis) en estado aceptable, hai unha cantas parcelas  sobre as que sería conveniente actuar.

Marea Pontevedra denunciou no seu día, mediante unha moción que foi aprobada no pleno de abril de 2016, problemas como a proliferación de vexetación, desniveis, acumulación de entullo de obras e presenza de animais domésticos abandonados. Ano e medio máis tarde, en setembro de 2017, Marea Pontevedra indicaba que esta situación estaba agravándose pola aparición de coches en ruinas que quedaban abandoados nos aparcamentos da zona.

Hoxe, case 4 meses máis tarde da última denuncia de Marea Pontevedra, pódese ler nun medio de comunicación que é o propio Concello de Pontevedra quen estaciona nesa zona os vehículos retirados, alegando que o depósito é de xestión privada e matizando que non ten ningunha responsabilidade sobre os desperfectos que poidan sufrir os vehículos.

Marea Pontevedra entende que esta situación é dobremente inxusta, por un lado para os propietarios dos vehículos (que son saqueados por completo) e, por outro, para toda a veciñanza de Pontevedra que ve como unha das poucas zonas de lecer da cidade remata por converterse nun desguace. Por isto solicita aos responsables municipais que dean as explicacións oportunas ou que desmintan esta información, pois o que no seu día proxectouse como un dos pulmóns de Pontevedra é hoxe un auténtico vertedoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*