Marea Pontevedra solicita aumentar os prazos para pagar o IBI e a bonificación ás familias numerosas

O colectivo cidadá encabezado por Luís Rei defenderá que o Concello de Pontevedra amplie o sistema especial de pagamento do IBI urbano e á bonificación de familias numerosas.

A previsión de ingresos do Concello de Pontevedra para o ano 2018 con cargo ao IBI Urbano ascende a 18.464.562 euros, polo que é unha das súas principais fontes de financiamento. A súa recadación está regulada en dúas normas municipais: a Ordenanza 27 Xeral de Xestión, Recadación e Inspección e a Ordenanza 22 Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles.

Co obxecto de facilitarlles o cumprimento das obrigas tributarias aos veciños de Pontevedra, e ao abeiro do artigo 10 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Ordenanza Xeral establece (no Artigo 32, Sistema especial de pago do IBI urbano en período voluntario) a posibilidade de fraccionar o pagamento en dous prazos.

Por outra banda, e co obxecto de axudar ás familias numerosas, a Ordenanza do IBI (artigo 4.4) recolle bonificacións na cota íntegra do inmoble de uso residencial onde estean empadroados os membros da unidade familiar, sempre que o seu valor catastral non supere os 40.000 euros. Esa bonificación queda no 10 por cento para as familias numerosas de categoría xeral, e chega ao 30 por cento para as familias numerosas de categoría especial.


PROPOSICIÓN:

1º. Instar a Xunta de Goberno Local a promover a modificación do artigo 32 da ORDENANZA 27 XERAL DE XESTIÓN, RECADACIÓN E INSPECCIÓN e o formulario 865.

No apartado 1, onde di “fraccionamento da débeda en 2 prazos”, pasará a dicir: “en 5 prazos”.

No apartado 2, c, dirá: “Formularase solicitude expresa antes do 1 de febreiro do exercicio que deba ter efecto no impreso que se estableza ao respecto”.

No apartado 4, dirá “O importe de cada fracción será do 20 por cento da cota líquida do recibo de IBI do exercicio en curso, tendo os catro primeiros o carácter de a conta. Aboarase, por domiciliación bancaria, nas seguintes datas ou inmediato hábil posterior: -primeira fracción: 5 de marzo; -segunda fracción: 5 de maio; -terceira fracción: 5 de xullo; -cuarta fracción: 5 de setembro; -quinta fracción: 5 de novembro, todos do mesmo exercicio en curso, sempre de acordo co calendario fiscal que se aprobe anualmente polo Concello de Pontevedra”.

No último parágrafo dese apartado, onde di, “afecta á 2ª fracción”, dirá “afecta á segunda fracción ou posteriores”.

2º. Instar a Xunta de Goberno Local a promover a modificación do artigo 4.4 da ORDENANZA FISCAL 22 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES nos seguintes termos, cos cambios sinalados en negriña:

Elevar a 45.000 euros o valor catastral do inmoble do uso residencial no que estean empadroados os membros da unidade familiar para a bonificación da cota íntegra.

Elevar a bonificación para os titulares de familia numerosa de categoría xeral e especial, sen facer, distincións, ao 50 por cento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*