Marea Pontevedra solicita ao goberno local reactivar a negociacion da RPT para recuperar os dereitos laborais perdidos durante a crise

Marea Pontevedra entende que os tempos son chegados para a implantación dun sistema de desenvolvemento da carreira profesional do persoal do Concello.

A concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira rexistrou está mañá unha moción instando ao goberno local a reactivar a negociación da RPT para que os traballadores do Concello de Pontevedra recuperen os dereitos laborais perdidos durante a crise. Segundo estimacións das centrais sindicais, a perda do poder adquisitivo dos traballadores/as públicos dende 2010, aproxímase ao 14,5%.

No seu conxunto, os empregados e empregadas públicos son un dos alicerces que sosteñen en pé a debilitada estrutura do estado de dereito. Eles e elas garanten a independencia diante da execución das diversas políticas e aseguran a permanencia das prestacións á cidadanía así como a súa calidade.

Nun plano propio do Concello de Pontevedra, logo dunha revisión dos 18 anos do goberno  de Lores, a realidade amosa unha escaseza de avances en materia laboral e pouca capacidade para acadar acordos e consensos cos traballadores/as. Abonde como exemplo os vinte anos que distan dende a última  Relación de Postos de Traballo aprobada e a que na actualidade se está a elaborar. 

Para Marea Pontevedra son tempos de cambio, tempos en que a privatización masiva de servizos, hoxe cuestionada abertamente por amplos sectores da sociedade, debe dar paso á recuperación da xestión pública dos principais servizos municipais (auga, axuda no fogar, lixo, guindastre…). Para esta concepción da  Administración renovada e eficiente non serve a actual proposta do Goberno municipal.

Marea Pontevedra entende que os tempos son chegados para a implantación dun sistema de desenvolvemento da carreira profesional do persoal do Concello, mediante un conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.


PROPOSICIÓN

  • Instar a xunta de Goberno Local (XGL) a retomar de xeito urxente a negociación cos representantes sindicais do persoal para a nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Pontevedra, co propósito de concluír nun acordo que poña fin a ese proceso. Iso repercutiría positivamente nunha recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos e permitiría unha maior equiparación de traballadores e traballadoras que teña unha diferencia substancial con respecto ás restantes cidades galegas.
  • Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) a prever na nova Relación de Postos de Traballo negociada coas organizacións sindicais do Concello as necesidades de crecemento da administración, reforzando servizos con escaseza de persoal (Brigadas operativas, Servizos Sociais, etc), e prevendo o rescate doutros que na actualidade se están prestando a través de concesións a empresas privadas (Abastecemento de auga, Guindastre, Servizo de Axuda no Fogar…).
  • Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) ao desenvolvemento, á maior brevidade posible, do dereito á carreira profesional do persoal do Concello de Pontevedra, tal e como se prevé no Capítulo II do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.

Ver moción completa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*