Marea Pontevedra solicita a retirada do escudo franquista da porta do Pazo de Xustiza de Pontevedra

O colectivo cidadá presenta unha moción solicitando que o pleno de Pontevedra repare unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.

A relación do Concello de Pontevedra, como institución, co proceso de asentamento desta infraestrutura xudicial é directa xa que a corporación non democrática, nese momento presidida polo alcalde González Posada, cede en 1948 gratuitamente ao Estado Español a finca onde se vai construír o Pazo de Xustiza, anteriormente ocupaba polo denominado “Cárcere vello”.

Igualmente é de subliñar que a Deputación de Pontevedra aproba en marzo de 1954 achegarlle ao Estado a cantidade de 1.000.000 de pesetas para contribuír á construción efectiva dun edificio que finalmente sería inaugurado coa presenza de Antonio Iturmendi Bañales, ministro de Xustiza da Ditadura e quen, no discurso oficial de apertura, non mostrou reparo en destacar que o xeneral Franco aseguraba “la permanencia del principio político de la independencia de la función judicial en forma de que en ningún otro país nos supera”.

O autor desta frase, Iturmendi Bañales, que sería ministro de Xustiza da Ditadura durante catorce anos, creador tamén do traxicamente celebre Tribunal de Orden Público en 1963, e mais presidente das Cortes franquistas, deixa pois inaugurado na cidade un Pazo de Xustiza que na súa fachada inclúe en pedra un escudo pleno da simboloxía da Ditadura.

En xullo de 2006 entra en vigor a Lei de Memoria Histórica, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.

Pasadas catro décadas do fin da Ditadura e con corenta anos de vida en democracia, de xeito inexplicable, persiste xusto no lugar onde se imparte a Xustiza un escudo que se debe considerar como toda unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.

PROPOSICIÓN

  • Que o Pleno do Concello de Pontevedra, seguindo co seu compromiso de cumprir e contribuír a facer cumprir a Lei da Memoria Histórica, solicite a retirada efectiva, no menor tempo posible, deste símbolo da Ditadura da fachada dun edificio xudicial tan singular como é o Pazo de Xustiza de Pontevedra.
  • Que a Xunta de Goberno Local, no caso de ser aprobada esta demanda por parte do pleno, faga chegar o acordo plenario ao Presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, ao Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, e á Ministra de Xustiza do goberno de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*