Marea Pontevedra solicita a elaboración urxente dun plan de protección do Carballo de Santa Margarida, para a implicación das administracións na súa salvación

A rotura onte dunha gran pola seca  do monumento vexetal  debe ser atendida en opinión de Marea Pontevedra como un dramático berro de auxilio do Carballo logo de décadas de abandono, desidia e maltrato por parte das diversas administracións.

A que foi considerada coma árbore nacional de Galicia para as Irmandades da fala, lugar ancestral de reunión festa  ou mesmo reivindicación obreira do 1º de maio, símbolo vexetal e cultural, corre hoxe verdadeiro risco de morte.

Ademais do abandono, foron moitos os maltratos que padeceu nos últimos anos entre eles os máis danosos o reasfaltado do entorno a inicio da década do dous mil sobre o inicial dos anos setenta, colocación de luminarias ou o impacto dos vehículos altos agravado coa mala situación dun lombo baixo a súa copa.

Fai case un ano o Concello de Pontevedra presentou un proxecto unilateral de actuación na contorna da árbore que non contemplaba medidas reais dirixidas á súa restauración; mantiña o paso elevado, a liberación de pavimento duro na contorna era moi pequena e tampouco se consideraban medidas fitosanitarias e de arboricultura dirixidas á conservación da mesma.


Diante desta crítica situación dende Marea Pontevedra formulamos as seguintes medidas urxentes para salvar ao Carballo de Santa Margarida:

1. Proposición no Parlamento de Galicia urxindo á Xunta de Galicia á elaboración urxente  conforme ao  artigo 8 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, para aquelas árbores catalogadas en risco unPlan de xestión encamiñado á conservación, restauración e mellora do exemplar. O plan será elaborado contando coa participación das diversas administracións Xunta, Concello e Deputación Provincial.

2. Que  de acordo con este Plan de Conservación que se desenvolvan de xeito coordinado e urxente por parte das diversas administracións, nomeadamente o concello de Pontevedra, medidas de tratamento de arboricultura dirixidas á restauración e conservación da árbore.

3. Por último, dende Marea Pontevedra entendemos que o Carballo de Santa Margarida e unha das más valiosas árbores senlleiras do no noso Pais e como tal debe de ser tratada a súa xestión; dende a xenerosidade a busca de consensos e implicación sincera das distintas administracións, e fuxindo de propostas de parte, unilaterais e electoralistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*