Marea Pontevedra solicita a elaboración dunha ordenanza municipal de protección animal

O colectivo liderado por Luís Rei presentou unha moción, atendendo a petición da ONG Libera, instando ao goberno municipal a elaborar unha ordenanza de protección animal e convivencia. A propia ONG leva 4 días recollendo sinaturas a través da plataforma Change.org

A Lei 1/1993, de 13 de abril, de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, fixa a normativa que regula a convivencia, posesión, utilización, exhibición e comercialización de todo tipo de animais en Galicia. Esa lei, no seu artigo 11, “obriga aos Concellos a recoller os animais abandonados e retelos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados”.

Os concellos das principais cidades galegas foron completando esa normativa coa aprobación das súas ordenanzas específicas (A Coruña en 1997, Ferrol en 1997, Vigo en 2000, Santiago en 2003, Lugo en 2005, Ourense en 2010). Igual sucedeu nos concellos máis importantes do resto de España (Madrid en 2001, Vitoria en 2011, Barcelona en 2015).
Alén dun Bando de lembranza das obrigas dos posuidores de animais domésticos, de febreiro de 2013, o Concello de Pontevedra segue carecendo da súa propia ordenanza, e iso fai que na actualidade se detecten, entre outras, as seguintes carencias:

1- Ausencia dunha normativa específica que recolla a protección dos animais e vaia mais alá dos mínimos que marca a lei galega.
2- Ausencia dun servizo de recollida e dun protocolo de atención de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido (problemática que xa ben denunciando a Policía Local en diversas ocasións, como consta no escrito rexistrado o 12 de xaneiro deste ano).
3- Incremento ano tras ano de animais abandonados (dos que se fai cargo unha entidade sen ánimo de lucro: Os Palleiros).
4- Falta de regulación dos usos dos espazos públicos e de convivencia cos animais.
5- Falta de zonas de esparexemento e xogos para animais.
6- Ausencia de campañas de sensibilización sobre a protección, coidado e abandono de animais.

Por todo isto, Marea Pontevedra entende que unha ordenanza municipal participada polos servizos municipais implicados e as entidades protectoras de animais pode e debe ser a mellor ferramenta para dar resposta ás eivas e necesidades que na actualidade non están sendo atendidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*