Marea Pontevedra sitúa na primeira liña a loita contra a pobreza e a favor do emprego

Marea Pontevedra celebrou un acto sobre os dereitos sociais na Casa da Luz.

Presentou o acto Teresa Casal, poñendo o foco na importancia de atender desde o concello a loita polos dereitos sociais, dereitos que Marea Pontevedra vai poñer en primeira liña no goberno municipal que se inicia a partires do 27 de maio. En palabras súas, “imos ter a vontade polìtica que agora non hai para desenvolver actuacións contra a pobreza e a favor do emprego”.

Javier Pérez, membro da candidatura de Marea Pontevedra e activista contra a pobreza, explicou: “Falo en primeira persoa, como perceptor dunha RISGA, e quero dicir que é unha vergoña que en Pontevedra non exista un albergue para persoas sen fogar”. Destacou así mesmo o dato de que en Pontevedra o prazo de tramitación da RISGA está entre 5 e 7 meses, dos máis longos de Galicia. E quixo deixar constancia da invisibilidade da pobreza da muller, cunha porcentaxe elevada de pobreza en familias monomarentais,pobreza á que se daría resposta cunha Renda Social Municipal.

Herminia Dios, candidata da Marea, comezou a súa intervención agradecendo á concelleira Mª Carmen Moreira ter sido a voz da Marea, unha voz persistente e insistente na proposta e defensa da Renda Social Municipal impulsada por Marea Pontevedra desde o ano 2016 e publicada neste ano 2019, prazo de tempo suficientemente longo para amosar o desinterese do Bloque de Lores pola xustiza social, dato que corrobora o feito de ser o concello das sete grandes cidades galegas que menos inviste en gasto social. “En Pontevedra chegou a hora das políticas sociais“.

Sobre as pensións pública centrou a súa intervención Xabier Pérez Davila, economista e activista na defensa das pensións. Puxo sobre a mesa a realidade de millóns de pensións insuficientes, reivindicando a necesidade de que a pensión mínima se equipare ao salario mínimo. Destacou que “os seres humanos deberíamos odiar a pobreza, e nesa liña, as pensións son unha conquista da civilización que hai que protexer. Os grandes poderes económicos topáronse cun movemento extraordinario en Galicia e en todo o estado que vai gañar, porque necesitamos sanidade, educación e pensións públicas“.

Manuel Lago, economista e deputado de En Marea, explicou que na Coruña, a Renda Social Municipal é unha realidade desde hai 4 anos, feito que posibilitou atender a situación de pobreza de 700 familias. A continuación fixo unha descrición detallada da situación do emprego no concello de Pontevedra, maioritariamente ocupado polo sector servizos, co dobre do emprego do sector da industria, do que destacou o dato de 329 persoas censadas no concello empregadas na industria de madeira e papel. A liña de actuación de fomento do emprego tería que ir nesta dirección, poñendo o peso no sector servizos. Destacou que “despois de 5 anos de crecemento económico, a taxa de paro de Pontevedra cidade é do 17%, a máis alta das 7 cidades galegas. As propostas de Marea Pontevedra para atender esta situación, coa posta en marcha dunha Oficina municipal de emprego, posibilitará que moitas desas persoas non estean condeadas á exclusión.

Rematou o acto coa intervención de Luís Rei, que retomou a proposta da creación da Oficina municipal de emprego que recadaría fondos da Unión Europea, do goberno central e da Xunta de Galicia, para axudar a paliar, desde a institución municipal, a terrible lacra do desemprego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*