Marea Pontevedra reivindica o dereito a unha vivenda digna

O Grupo Municipal de Marea Pontevedra presentou unha moción no Concello de Pontevedra para apoiar a campaña de diversas organizacións, en especial a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), que defende unha aplicación efectiva do artigo 47 da Constitución.

Son ben coñecidas as penurias en que sumiu a milleiros e milleiros de familias a perda das súas vivendas, como consecuencia de desafiuzamentos amparados pola Lei Hipotecaria española, unha norma reiteradamente criticada desde Europa polas súas cláusulas abusivas.

É coñecido, tamén, o sufrimento de moitos milleiros de persoas obrigadas a malvivir en lugares indignos, pola grave carencia de vivendas de aluguer social, ou en situación de pobreza enerxética, padecendo cortes de subministracións básicas.

Ante esta realidade intolerable, diversas organizacións, e singularmente a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), promoven unha campaña que ten como finalidade lograr a aplicación efectiva do artigo 47 da Constitución (que establece “o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada”), a través das modificacións lexislativas que o garantan.


CINCO DEMANDAS PRIORITARIAS

1º A dación en pago retroactiva.

Concretada en mecanismos de segunda oportunidade (a través da dación en pago e a condonación da débeda), na declaración de inembargabilidade da vivenda habitual (para os avalistas), e na eliminación das cláusulas bancarias abusivas (canda as compensacións económicas que estas establecen).

2º O establecemento dun sistema de aluguer alcanzable.

Concretado nunha reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos que dea seguridade e estabilidade, en fórmulas para que os contratos só se poidan rescindir en casos concretos de urxencia, e mais nun marco de regulación dos prezos axeitado aos ingresos da poboación.

3º A paralización dos desafiuzamentos.

Concretado nunha moratoria sobre desafiuzamentos de primeira e única vivenda, na obriga dos bancos e dos grandes propietarios de ofrecer aluguer social ás familias afectadas, en axudas para pagar o aluguer cando o arrendador é un pequeno propietario, e na obriga da administración pública de ofrecer realoxos no mesmo concello garantindo o arraigo.

4º A ampliación do parque de vivenda social.

Concretada na mobilización de vivenda baleira mediante a cesión obrigatoria, no incremento do parque público de vivenda, e en alugueiros sociais non superiores ao 30 por cento dos ingresos da unidade familiar.

5º A garantía das subministracións básicas.

Concretada no principio de precaución (garantía de non cortar as subministracións de auga, luz e gas sen antes informar os afectados), nunha tarifa social (co pagamento en función da capacidade adquisitiva) e na non asunción das débedas con recursos públicos (obrigando a que sexan as subministradoras as que asuman o custo das familias que non poidan pagar).


PROPOSTAS PARA ACTUAR DESDE O CONCELLO DE PONTEVEDRA

1º Apoiar as cinco demandas impulsadas pola PAH para facerlle fronte á emerxencia habitacional.

2º Instar o Goberno e os grupos parlamentarios do Congreso a introducir no marco normativo, por medio dunha futura Lei Reguladora do Dereito á Vivenda, as propostas formuladas pola PAH.

3º Declarar o Concello de Pontevedra “libre de desafiuzamentos”, garantindo que a Policía Local non participará en ningún lanzamento dentro do seu termo municipal.

Ver moción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*