Marea Pontevedra recolle en Monte Porreiro as principais demandas do barrio máis poboado da cidade

Marea Pontevedra mantén unha xuntanza coa Asociación de Veciños de Monte Porreiro para afondar nas necesidades das habitantes.

O elevado custo do transporte público, o soterramento da alta tensión, unha correcta ubicación dos composteiros comunitarios e a limpeza das beirarrúas son as principais preocupacións trasladadas ao grupo municipal de Marea Pontevedra.

Membros de Marea Pontevedra e representantes da Asociación de Veciños de Monte Porreiro mantiveron onte unha xuntanza no barrio para coñecer de primeira man as necesidades do único barrio con transporte público da cidade. Precisamente o elevado custo que o transporte significa para as usuarias é unha das grandes críticas veciñais por non estar Pontevedra adherida ao plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia, unha das emendas que Marea introduciu nos orzamentos de 2017 e que o goberno non executou. O cumprimento desta medida permitiría viaxar de balde ás menores de 19 anos e abarataría o custo as usuarias da liña.

Tamén os composteiros foron obxecto de crítica por parte das veciñas, principalmente pola súa ubicación ao lado do Parque Europa, principal lugar de lecer do barrio. Tamén no Parque Europa están as torretas de alta tensión, que xa contan cunha moción, promovida por Marea Pontevedra e aprobada en pleno, para o seu soterramento, actuación pendente de realizarse pola Consellería de Industria e pola empresa Gas Natural Fenosa.  Así mesmo, Marea Pontevedra vén de rexistrar unha nova moción para eliminar tamén da zona o transformador situado a carón dunha das torres de alta tensión.

Por útimo manifestaron o seu descontento co estado xeral de abandono e falta de limpeza das zonas comúns do barrio, algunhas medidas para calmar o tráfico e a inquedanza de cando abrirán os xardíns da UNED, outra das iniciativas aprobadas no pleno a iniciativa de Marea. O grupo liderado por Luís Rei trasladará estas demandas ao goberno do Concello de Pontevedra,  a través de iniciativas institucionais e como emendas ao orzamento do Concello para o 2018.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*