Marea Pontevedra reclama que a Xunta de Galicia desista do seu empeño en ampliar a depuradora dos Praceres

O colectivo cidadá rexistra unha moción, que se debatirá este luns no derradeiro pleno do mandato, solicitando que o máximo organismo autonómico non licite a mellora da ampliación da depuradora dos Praceres. Esta mellora, cun orzamento de máis de 16 millóns de euros, consolidaría a ubicación actual da planta e permitiría, da man do proxecto do emisario, a súa ampliación en terreos gañados ao mar que deberían ser recuperados para un uso social.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A actual Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres foi construída en Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT). A Lei de Costas establece no seu artigo 32 que “unicamente se poderá permitir a ocupación do DPMT para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación”. Coa lei na man, non se debeu permitir a ocupación do DPMT e debe ser un obxectivo da sociedade e dos seus representantes políticos recuperar progresivamente as ocupacións do DPMT para eliminar o seu uso privativo.

O consello da Xunta de Galicia aprobou na súa sesión do 21 de marzo de 2019 impulsar a denominada “mellora” da EDAR dos Praceres, o que supoñerá perpetuala no actual emprazamento. Lonxe da lóxica redución da cantidade de residuos que viaxan cara e mais polo banco marisqueiro, de levarse iso a cabo estarase consolidando un sistema de saneamento baseado no entubado das augas fecais urbanas de máis de 120.000 persoas (que poden chegar ás 200.000 nos meses de verán, e que mesmo se ven incrementadas por augas industriais).

Ademais, aínda que no proxecto non se recoñece explicitamente a ampliación, a denominada “mellora” si fai mención continuada á construción do novo emisario submarino, cuxo anteproxecto recolle unha ampliación de 1.300 metros cadrados para as estacións de carga e de bombeo, situadas en terreos gañados ao mar, a menos de 200 metros de elementos patrimoniais e eliminando a única fachada litoral que o “progreso” deixou na única parroquia do Concello con ribeira na ría de Pontevedra.

A respecto disto convén invocar un acordo unánime do Pleno do Concello de Pontevedra (do 16 de outubro de 2018), rexeitando calquera solución que pase pola ampliación da EDAR actual, ao que cómpre sumarlle outro acordo plenario (desa mesma data), para reducir o volume tratado na nosa depuradora, eliminando as augas procedentes dos concellos de Poio e de Marín.

Porque é de saúde democrática velar polo cumprimento dos acordos deste órgano,  porque se fai necesario preservar a saúde ambiental da ría de Pontevedra e mais por respecto á dignidade dunha parroquia que padece incontables inxustizas, Marea Pontevedra presenta ante o Pleno, para o seu debate a seguinte

PROPOSICIÓN

Instar a Xunta de Galicia a desistir de sacar a licitación o proxecto denominado de “mellora da depuradora dos Praceres e do novo emisario submarino”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*