Marea Pontevedra quere salvar da piqueta o edificio da central eléctrica de Mollavao, como modelo de arqueoloxía industrial

Marea Pontevedra entende que o Concello, no canto de dar por boa a demolición, debería estudar as posibilidades de conservación e mantemento do antigo edificio da Central Eléctrica de Mollavao, unha sinalada mostra de arqueoloxía industrial.

Luís Rei, voceiro de Marea Pontevedra, chama a atención sobre a importancia histórica e arquitectónica desta construción e mesmo o seu valor sentimental para multitude de veciños de Mollavao e do resto da cidade:  “Noventa anos despois da súa inauguración, en xuño de 1927, o edificio mantén unha tipoloxía única, relacionada coa súa función, e obriga a salvagardalo como un elemento sinalado do noso patrimonio monumental”.

Marea Pontevedra lembra que a Central de Mollavao, agora propiedade de Gas Natural Fenosa, foi construída pola Sociedad General Gallega de Electricidad, empresa que por eses mesmos anos apostaba decididamente pola modernización eléctrica de Galicia coa construción da Central do Tambre. Desde esta fábrica de electricidade, e no contexto da liña Vilagarcía-Pontevedra, deseñouse o tendido que chegaría á nosa cidade nunhas datas en que sufría importantes deficiencias de potencial eléctrico.

O portavoz de Marea lembra que o anuncio realizado en 1926 polo alcalde, Mariano Hinojal, de municipalizar a produción de electricidade, e mesmo revendela a baixo prezo aos veciños, foi o que decidiu á SGGE a abordar con celeridade o proxecto de construción da Central de Mollavao.

A posta en marcha desta instalación, cunha potencia de 66.000 voltios e no solar que previamente ocupara a capela dos Santos de Mollavao, representou unha evidentísima mellora no alumeado urbano e mais no servizo ás industrias e particulares, á parte de abrir o camiño á electrificación do tranvía Pontevedra-Marín.

Marea Pontevedra entende que o grupo de goberno do Concello non debe incorrer, con este edificio, na mesma permisividade que condenou á desaparición o Teatro Cine Malvar e o Chalé dos Obreiros de Tafisa.

Para Marea Pontevedra, a non demolición agora da Central Eléctrica de Mollavao, coa súa peculiar e distintiva forma arquitectónica, permitiría darlle algún uso social no futuro,  no contexto das obras de humanización previstas polo Concello nesa contorna urbana. Mesmo, en clave de arqueoloxía industrial, podería sumarse á posta en valor dos restos que se conservan en Monte Porreiro da antiga Central Eléctrica do Lérez.

Por outra parte, Marea Pontevedra entende que o Concello de Pontevedra está obrigado a poñer en coñecemento dos servizos de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia, e da comisión provincial correspondente, o expediente municipal sobre a Central Eléctrica de Mollavao, para que os seus técnicos estuden, avalíen e ditaminen sobre o valor histórico e arquitectónico dun edificio que, como tantos destas características relacionados co desenvolvemento da enerxía eléctrica, son conservados e rehabilitados en moitas cidades de España e Europa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*