Marea Pontevedra quere abrir ao público a horta e os xardíns do convento de Santa Clara

Coa súa apertura ao público o ‘hortus conclusus’ do recentemente pechado convento de Santa Clara sería unha das zonas verdes referenciais do centro da cidade. Marea Pontevedra entende que o xardín e o edificio son dun valor incalculable e que as administracións deben velar para que non caia no esquecemento.

Ante a repentina nova do peche de actividade no convento de Santa Clara, Marea Pontevedra lamenta o peche dun ciclo histórico que perduraba máis de sete séculos na nosa cidade e á vez quere mostrar a súa seria preocupación polo futuro inmediato das instalacións e espazos conventuais.

Marea Pontevedra entende que o Concello de Pontevedra debe implicarse, xunto a outras institucións, na defensa do patrimonio artístico e monumental do Convento de Santa Clara e evitar desde hoxe mesmo que se poidan dilapidar ou deteriorar tanto a igrexa conventual como os edificios anexos.

Nese senso, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei afirma que “a Xunta de Galicia, episcopado, a Deputación e o propio Concello deben estabelecer os necesarios protocolos de actuación para que non se corra risco ningún de abandono dos elementos arquitectónicos e artísticos do convento que veñen de abandonan as clarisas”.

Marea Pontevedra quere con esta proposta contribuír a que un espazo tan descoñecido e non accesible ata de agora como é o xardín do convento de Santa Clara, dotado dunha singular riqueza arbórea e paisaxística en pleno centro da cidade, se poda converter nun futuro nun novo espazo de lecer para a cidadanía pontevedresa. Este xardín conta cunha superficie de 9500 metros cadrados nos que podemos atopar viñedos, unha hora de autoabastecemento e unha gran variedade de árbores con moita historia, que abarcan desde castiñeiros ata secuoias.

O escritor tamén declara que ante a situación creada “é o momento de abrir o debate sobre a apertura á cidadanía do enorme xardín de Santa Clara”. Na mesma liña propón que sexa o concello quen comece os trámites oportunos para que “o enorme espazo verde que ata agora agacha a muralla do convento de Santa Clara poda ser gozado polos pontevedreses e máis tamén os visitantes á cidade e así, deste xeito, ampliar considerablemente o potencial turístico da zona monumental de Pontevedra”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*