Marea Pontevedra propón recuperar como escola infantil a subdelegación de defensa

Yolanda Díaz, Luís Villares e Luís Rei anuncian a presentación sumultánea da iniciativa no Concello de Pontevedra, no Parlamento Galego e no Congreso dos deputados.

Pontevedra é a única cidade galega que conta co edificio da subdelegación do Ministerio de Defensa no núcleo urbano da cidade.

O concello de Pontevedra non ten ningunha escola infantil propia, sen que haxa sobre a mesa ningunha proposta de actuación para remediar esa carencia. Dada a elevada porcentaxe de nenos que quedan sen praza (518 de 1.005 peticións) resulta evidente a necesidade de ampliar a oferta e formular a creación de novas escolas. O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, presentou a iniciativa que será presentada ao mesmo tempo nas tres institucións: ‘Propoñemos recuperar para este fin o edificio actualmente ocupado pola Subdelegación do Ministerio de Defensa, construído polo propio Concello en 1877 precisamente para Grupo Escolar.

O edificio, obra de Alejandro Sesmero, inaugurouse en 1892. Porén, só tivo uso distinto ao militar durante os seis anos iniciais (ata 1898 cando se lle cedeu á Brigada Topográfica de Enxeñeiros), e mais noutro período inferior a unha década  (entre 1919 e 1928, cando foi Escola Normal de Mestres). Os máis de cen anos restantes estivo ocupado polo Exército, que o adquiriu definitivamente en 1956: ‘Na actualidade é a única sede provincial que Defensa decidiu non pechar, contrariamente ao que fixo no resto das capitais galegas, onde optou polo traslado a edificios cun menor custo para a administración, concluíu Rei.

Para poder levar a cabo esta proposta é preciso que o Ministerio de Defensa desafecte este edifico, motivo polo cal a proposta non pode reducirse ao ámbito municipal. Deste xeito, a voceira de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, anunciou que o Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem- En Marea impulsará a proposta a nivel estatal: ‘A maior parte dos concellos medios contan cunha ou maís escolas infantís de titularidade municipal. O Concello de Pontevedra non ten ningunha’.

Do mesmo xeito apuntou a necesidade de: ‘Incluír dentro do plan de racionalización de infraestruturas do Ministerio de Defensa ao inmoble que acolle a sede da Subdelegación do ministerio en Pontevedra para proceder ao seu traslado a outro inmoble de menor custo para a Administración Xeral do Estado’.

A propia Yolanda Díaz anunciou que en Ferrol hai aberto un proceso similar onde: ‘solicitouse ao ministerio a cesión do edificio de Aduanas dun xeito gratuíto ao Concello’, unha PNL que defendeu ela mesma e que foi aprobada o pasado 27 de setembro.

Pola súa banda, o voceiro de En Marea no Parlamento Galego, Luís Villares, anunciou que En Marea defenderá no Parlamento Galego esta proposta para garantir un servizo básico á cidadanía de Pontevedra: ‘A xente non se vai animar a unha maternidade ou paternidade responsable por recibir unha ‘caixa finlandesa’. A demografía e a conciliación impúlsanse garantindo os recursos e os servizos básicos que permitan afrontar unha decisión tan importante’. Nesta liña o exmaxistrado solicita no orzamento da Xunta de Galicia para o 2018: ‘unha dotación orzamentaria suficiente para cubrir esta necesidade da cidade’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*