Marea Pontevedra propón a apertura dun vial peonil entre o Gorgullón e a Avenida de Vigo

O pasado mes de agosto realizáronse obras de mantemento da rúa que dá acceso ás instalacións e aos edificios da Residencia de Estudantes da Fundación Abanca e máis do IES Martín Sarmiento que significaron unha adecuación desta rúa sen saída que, con esta particular eiva, é das poucas que se manteñen no tecido urbano.

O pleno de novembro do Concello de Pontevedra deberá decidir unha modificación de crédito para realizar as obras de reforma da Rúa Virxe do Camiño e na contorna por importe de case millón e medio de euros. Tamén existe, a curto prazo, a intención de facer unha actuación integral na Rúa do Gorgullón.

Neste marco e dentro da política de avances en mobilidade urbana que se aplican na actualidade en todas as cidades, Marea Pontevedra propón que o proxecto inclúa unha actuación que permita completar a conexión a través dun vial exclusivamente peonil, entre a Avenida de Vigo e as rúas Gorgullón, Eduardo Pondal, Uxío Novoneira e Virxe do Camiño, todas elas dotadas de grandes fluxos de mobilidade.

Marea Pontevedra solicita que se axilicen os trámites administrativos e urbanísticos que permitan, en paralelo ou no contexto das obras anunciadas nas rúas lindeiras que se citaron, executar a apertura efectiva da rúa que da servizo á Residencia de Estudantes e máis ao IES Martín Sarmiento mediante unha rampla, aberta, en exclusiva, ao uso peonil, beneficiando ao alumnado e ao profesorado en particular e, por extensión, ao conxunto da veciñanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*