Marea Pontevedra presenta unha moción solicitando a publicación das sentenzas xudiciais que afectan ao Concello de Pontevedra

O Grupo Municipal de Marea e o Grupo Municipal de Ciudadanos de Pontevedra solicitan conxuntamente que se garanta a transparencia no relativo ás sentenzas xudiciais que afectan directamente ao Concello de Pontevedra.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1) A acción administrativa do Concello de Pontevedra, e algúns dos acordos tomados polos seus órganos de goberno, son por veces impugnados ante distintos tribunais de xustiza para que, neles, se diriman os conflitos de intereses

2) No mesmo sentido, por parte do Concello de Pontevedra se recorre á vía xudicial para defender tanto ao propio concello, como institución, como os bens sociais e económicos da veciñanza que representa.

3) A inequívoca demanda da cidadanía pola transparencia democrática implica que todas as administracións públicas, especialmente as máis achegadas ás persoas, deben poñer a disposición da veciñanza calquera disposición ou comunicación oficial, xa sexa gobernativa ou xudicial, que afecte (positiva ou negativamente) ao ben común.

4) Por contra, nos últimos anos, asistimos a un uso, entre ponderado e calculado, do coñecemento público de diversas sentenzas xudiciais que afectan ao Concello de Pontevedra que —en repetidas ocasións— son  aireadas (ou non) desde unha discrecionalidade administrada en exclusiva polo goberno municipal en base a cálculos políticos que coliden co dereito da cidadanía a unha información veraz e transparente e que, en todos os casos, sexa difundida en tempo real.

PROPOSICIÓN

1) Que o Goberno do Concello de Pontevedra se comprometa a informar ao conxunto da cidadanía e aos medios de comunicación, nada máis recibida de forma oficial por parte dos tribunais, e calquera que sexa o seu estado procesual, de todas e cada unha das sentenzas que afecten ou aludan ao Concello de Pontevedra, con independencia de que estas se refiran a procesos xudiciais emprendidos desde esta corporación, ou fosen presentadas contra a mesma.

2) Que o Goberno do Concello de Pontevedra, a efectos de cumprir o compromiso  reclamado pola cidadanía de transparencia democrática, insira na súa páxina web oficial o contido de todas as sentenzas xudiciais nas que estivese implicada esta corporación. Publicación que, en todos os casos, se fará pública na devandita web nun prazo non superior aos dous días posteriores ao seu coñecemento oficial por parte deste concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*