Marea Pontevedra presenta unha moción para a igualdade de xénero no deporte municipal no Día internacional da muller

Marea Pontevedra súmase á folga feminista e anuncia a presentación dunha moción no deporte municipal para que se cumpran criterios de igualdade de xénero.

“Hoxe colgamos o mandil na nosa sede e saímos á rúa, reivindicamos a igualdade en todos os aspectos da vida”, explicou Carmen Moreira. A concelleira  de Marea, estivo acompañada na rolda de prensa pola coordinadora da formación cidadá, Peque González, que sinalou que o feminismo é unha proposta transversal e amosou a súa decepción porque “existan múltiples convocatorias en lugar dunha convocatoria unitaria arredor do movemento feminista”.

Para a Coordinadora de Marea Pontevedra “desde as políticas máis próximas ás persoas, hai moitas actuacións que se poden implementar para romper ese teito de cristal que nos afoga. Un ámbito tan cotiá e estendido como o deporte é dos que padecen maior discriminación en materia de xénero, que se manifesta tanto na propia práctica como na escasa ou nula presenza de mulleres nos estamentos técnicos, arbitrais ou de xestión”, por iso Peque González anunciou a presentación dunha moción no ámbito do deporte municipal para que se cumplan os criterios de igualdade de xénero.

O concello de Pontevedra, no seu orzamento xeral para o 2018, destina unha partida de 2.562.080 € para favorecer a realización de actividades deportivas, entendidas como unha contribución ao desenvolvemento integral das persoas.

Desde Marea Pontevedra parece acaído apoiar aos clubes e asociacións deportivas para que promovan de facto a igualdade de xénero, polo que instamos ao goberno local a que na convocatoria anual de subvencións a clubes e asociacións deportivas prime aos que cumpran unha serie de criterios.

Carmen Moreira foi a encargada de presentar os contidos da proposta, pero antes quixo expresar o malestar pola convocatoria da Comisión de Cultura  en sesión ordinaria  para hoxe ás 10 da mañá no concello, realizada pola concelleira-presidenta. “Eu hoxe tamén paro”, afirmou a concelleira de Marea Pontevedra, “e non asisto ás convocatorias que nos fagan neste día dende o concello, non entendo esta convocatoria nunha data importante para todas nós (porque se teñen cambiado de data noutras ocasións), o concello debería ter máis sensibilidade nestes casos coas concelleiras que facemos folga e queremos asistir a esa comisión”

A exposición de motivos da moción que presentará Marea Pontevedra entende que a  proximidade do concello á cidadanía pode impulsar accións en favor da igualdade,  a nosa proposición é para: Fixar criterios de xénero e de fomento de actividades non competitivas na concesión de subvencións a asociacións e clubes deportivos.

Segundo Carmen Moreira, “o ámbito deportivo é un dos que padecen maior discriminación en materia de xénero, tanto na práctica como nos estamentos técnicos, arbitrais e de xestión”.

Nos orzamentos para 2018 destínase unha partida para favorecer a realización de actividades deportivas no municipio, resulta acaído apoiar aos clubes e asociacións para que desenvolvan programas de actividades deportivas como se veu facendo en anos anteriores, pero tamén promover a igualdade.

Nas bases das anteriores convocatorias, os beneficiarios  son as asociacións e entidades sen animo de lucro con domicilio social no concello de Pontevedra, que participen en competicións oficiais e inscritos en rexistros que sinalan, cuns criterios de valoración en base: á antigüidade, ao número de licenzas federativas tramitadas durante a tempada,  os e as deportistas seleccionados ou seleccionadas polas federación para as seleccións, os desprazamentos polas viaxes a competicións, os gastos polo uso de instalacións deportivas, o nivel deportivo dos equipos da entidade pola categoria da competición oficial .

Por iso Marea Pontevedra instará á Xunta de Goberno Local a primar que na convocatoria de subvención aquelas entidades que:

  1. Teñan categorías femininas no seu deporte e tendan á paridade entre homes e mulleres nos seus órganos de dirección.
  2. Teñan en conta a presenza de referentes femininos, próximos e positivos, e conten con monitores de ambos sexos con formación en igualdade entre homes e mulleres.
  3. Garantan a continuidade das escolas deportivas ou actividades ata os 16 anos.
  4. Desenvolvan un programa propio de actividades para o fomento da práctica deportiva non competitiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*