Marea Pontevedra presenta na Deputación unha moción para recuperar as concesións da institución provincial nos terreos da Xunqueira de Alba

Intermareal 2Marea Pontevedra ven de presentar unha moción co obxectivo de recuperar as concesións da institución provincial nos terreos da Xunqueira de Alba. O encargado de defendela, con case toda seguridade no próximo pleno, será o deputado da Marea de Vigo, Xosé Luís Jácome.

Para Marea Pontevedra o grande hábitat conformado polo espazo marítimo intermareal da Ría de Pontevedra non pode seguir sendo agredido nin urbanística nin paisaxística nin ambientalmente.

Dado o seu valor como gran rexenerador natural da contorna, non poden manterse por máis tempo as agresións que sofre: a contaminación da auga, a especulación urbanística e, tamén si, a presión de múltiples infraestruturas. Estas últimas son agresións que ata agora contan co consentimento, cando non coa participación directa, de todas as administracións (Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Pontevedra).

Parte da solución a esta grave desfeita pasa, en primeiro lugar, por mudar a mentalidade estritamente localista, tamén e principalmente  no  ámbito ambiental, xa que a natureza non entende de lindes administrativos nin de fronteiras. Neste sentido, propoñemos impulsar no seo da Deputación un compromiso ambiental eficaz e real, deseñando unha planificación comarcal que dea respostas coordinadas a desafíos inviables se non se acometen desde a colaboración.

É evidente que as xunqueiras teñen un valor ambiental determinante para a depuración natural das augas e mais por ser o hábitat dunha fauna moi rica e a referencia nas migracións de moitas aves. Entendemos que non pode repetirse o que se fixo coa Xunqueira do Lérez, desecada e edificada tras sometela a recheos que ocuparon tres cuartas partes da súa superficie (zona escolar, recinto feiral). É vital, xa que logo, entender a Xunqueira de Alba como un todo superior aos 483.000 metros cadrados polos que actualmente se estenden as súas marismas, e esa superficie debe ser ampliada cos 170.000 metros cadrados que aínda ocupan naves e instalacións das distintas administracións (Imprenta provincial, Parque de maquinaria da Deputación, Parque móbil de ministerios, Xefatura de Tráfico…), que debían dar exemplo trasladándose a lugares máis axeitados.

Marea Pontevedra, que xa adiantou esta iniciativa como parte do seu programa no pasado mes de abril,  propón que a Deputación renuncie expresamente a pedir unha ampliación da concesión dos terreos que actualmente ocupan a Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria do organismo provincial.

Ademais solicita que a  Deputación comprométase a desmantelar esas instalacións e trasladalas a un lugar menos daniño ambientalmente.

A moción da Marea Pontevedra tamén insta  á Deputación a colaborar co concello de Pontevedra no deseño e desenvolvemento dun plan que permita ampliar os 483.000 metros cadrados polos que se estende a Xunqueira de Alba coa suma dos 170.000 metros cadrados ocupados por concesións públicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*