Marea Pontevedra presenta as alegacións ao Anteproxecto do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres

O colectivo cidadá mantivo onte un encontro coa veciñanza da parroquia de Lourizán, onde compartiu as alegacións e ofreceunas para que calquera persoa ou colectivo poida presentalas ante Augas de Galicia.

O 21 de maio de 2018 o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, deu a coñecer á Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra o proxecto de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres, que tería o dobre de capacidade e ocuparía o dobre de espazo nos terreos contiguos á actual, sempre e cando Costas o autorice, pois esta situada en terreos que no seu día foron lámina de auga.

Unha vez coñecida a intención da Xunta de Galicia, os veciños e as veciñas iniciaron mobilizacións e solicitaron ao alcalde do Concello de Pontevedra e ao director de Augas de Galicia ser informados, como principal parte afectada por unha actuación que ademais de ocupar unha das poucas zonas comúns da parroquia, poñería, aínda máis, en risco a saúde do seu banco marisqueiro.

O 19 de setembro volveu reunirse a Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, coa participación do alcalde de Pontevedra. As conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Mar, Rosa Quintana, presentaron as conclusións do estudo de alternativas para a ampliación, que propón catro posibles emprazamentos para a nova depuradora.

O día 26 de setembro, pasados 3 meses desde a petición de información por parte da veciñanza, o director de Augas de Galicia e o Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, mantiveron unha xuntanza coa Plataforma Non á Ampliación da EDAR dos Praceres, onde presentaron a intención de triplicar a mencionada instalación. En resposta, máis unha vez a xente dos Praceres sae á rúa e anuncia a súa total oposición a calquera das catro alternativas presentadas, pois todas elas inciden na necesidade de ampliar as instalacións na parroquia.

O pasado 5 de outubro, o DOG publicou o anuncio de Augas de Galicia no que sacaba a exposición pública este anteproxecto ao que se presentan alegacións, no que recolle a intención da Xunta de Galicia de construír unha estación de carga e bombeo para dar servizo ao emisario submarino. Esta nova construción, que precisa dos correspondentes permisos de Costas e do Ministerio de Fomento, proxecta unha nova ocupación de 1300 metros cadrados e 7 metros de altura en terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) que eliminaría a escasa fachada litoral que aínda conserva a Praza dos Praceres.

A solución aos problemas ambientais, urbanísticos e xudiciais do actual (mal) modelo non pode ser seguir teimando no erro, trasladando as augas residuais por quilómetros e quilómetros de colectores ata desembocar nunha instalación que a cada paso hai que agrandar e que a cada pouco queda pequena. Aínda sendo competencia fundamental de Xunta de Galicia (Augas de Galicia) tamén debe contar con que os concellos beneficiados se impliquen na busca de solucións que propoñan alternativas nos seus respectivos territorios ao rudimentario proceso de entubar as fecais por un camiño de canos ata Os Praceres.

 ALEGACIÓNS

  1. O Pleno de outubro do Concello de Pontevedra aprobou unha declaración conxunta na que expresa o seu rexeitamento a ampliar a instalación actual, algo que este anteproxecto incumpriría directamente.
  2. O propio anteproxecto recolle que hai tres elementos patrimoniais que se atopan a menos de 500m da actuación: “a) Colegio Sagrado Corazón: se encuentra a más de 150 m de la cámara de carga y en la zona más próxima a 20 m de la conducción del emisario submarino, b) Iglesia de Lourizán: se encontraría a 130 m de distancia de la cámara de carga e c) Escuela de Pescadores: se encontraría a 130 m de distancia de la cámara de carga”.
  3. Ademais de non cumprir a distancia cos tres elementos mencionados, tampouco a cumpre respecto ás vivendas existentes no Cabo dos Praceres, na Praza dos Praceres e nas vivendas da estrada vella.
  4. Esta instalación terminaría por aillar a Praza dos Praceres do mar, eliminando a única fachada litoral existente. Sobra dicir que este espazo é a principal zona de convivencia e de lecer da parroquia de Lourizán que conta con dous bares, dous parques infantís e dúas instalacións deportivas ao aire libre, ademais das mencionadas anteriormente (Igrexa, Escola de Pescadores e vivendas).
  5. A instalación está pensada para enviar as augas residuais, unha vez decantadas, ao medio da ría. O proxecto contempla que as vivendas Poio e Marín seguirán utilizando esta instalación no lugar de buscar alternativas viables no seus respectivos territorios.
  6. A construción da estación de carga e bombeo estaría situada xusto riba dun banco marisqueiro, a principal economía dunha parroquia de máis de 3 mil habitantes.
  7. A ampliación consolidaría a degradación ambiental que padece Lourizán, en particular, e a Ría de Pontevedra, en xeral. Non é lóxico afondar no erro de maltratar un paraíso natural único, no lugar de comezar a pensar en como recuperalo.
  8. O feito de ter que enviar as augas ‘depuradas’ a km de distancia por un emisario evidencia que a instalación non funciona e loxicamente non pode ser considerado como unha solución eficaz ao saneamento da Ría de Pontevedra.
  9. O escenario global de cambio climático propiciará, segundo rigorosas análises científicas, o crecemento do nivel do mar. A situación da planta, en lámina de auga e ao nivel do mar, pode posibilitar no futuro que as crecidas cheguen ata as balsas de seguridade causando un desastre natural de consecuencias irreparables.
  10. Calquera reforma, que non ampliación, debería incidir na separación das augas residuais procedentes das vivendas e das augas residuais procedentes das industrias, nomeadamente ENCE e as do polígono da Reigosa.
  11. Finalmente, esta instalación deixaría un impacto moi negativo nun escenario único como é a Ría de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*