Marea Pontevedra ponlle ‘deberes’ ao novo goberno: anular a prórroga de ENCE

O voceiro do colectivo cidadá, Luís Rei, rexistrou esta mañá unha moción instando ao novo goberno de Pedro Sánchez a anular á condena á Ría de Pontevedra.

O día 25 de xaneiro de 2016, o Goberno do Estado, daquela en funcións e presidido polo pontevedrés Mariano Rajoy Brey, concedeulle á empresa ENCE unha prórroga en virtude da cal se lle ampliaba a concesión da súa presenza na Ría de Pontevedra por outros 60 anos máis, ata o ano 2073.

A sociedade pontevedresa reaccionou cunha manifestación masiva só catro días despois do coñecemento desa prórroga, o 29 de xaneiro. E o 6 de abril dese mesmo ano o Congreso dos Deputados aprobou unha Proposición Non de Lei, presentada por En Marea e apoiada de xeito decisivo polo PSOE (e con só o voto en contra do Partido Popular e a abstención de Ciudadanos) para “anular a prórroga outorgada a ENCE Energía y Celulosa na cidade de Pontevedra”, por ser a todas luces nefasta para o futuro da Ría e de cantos habiten na súa contorna durante a actual e varias xeracións máis.

Tras o desaloxo do Goberno do Estado dunha forza política declarada, na sentenza do Caso Gurtel, como beneficiaria de corrupción “a título de lucro”, e no adeus a un presidente que fixo “méritos” para que o Pleno do Concello de Pontevedra o declarase o 22 de febreiro de 2016 persoa non grata (a instancia de Marea Pontevedra e do PSOE), o Grupo Municipal de Marea solicita que o pleno de Pontevedra inste ao novo Goberno do Estado, presidido polo socialista Pedro Sánchez, a emprender as accións que conduzan á anulación da prórroga de 60 anos de presenza na ría de Pontevedra que lle foi concedida a ENCE en 2016.

Ver moción

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*