Marea Pontevedra ponlle deberes á nova responsable dos Servizos Sociais do Concello

A concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, e a coordinadora programática, Herminia Dios, compareceron ante os medios para solicitarlle á nova concelleira o desenvolvemento dos acordos plenarios aprobados neste mandato.

Moitas son as iniciativas de Marea Pontevedra para mellorar a situación das persoas e familias que peor o están pasando que foron aprobadas no pleno do Concello de Pontevedra, moitas delas por unanimidade. No ecuador do primeiro mandato no que participa a formación máis xoven da corporación moitas destas mocións e propostas continúan sen desenvolverse por parte do goberno municipal.

Carme Moreira comezou a súa intervención dándolle as súas condolencias ás familiares dos mariñeiros que naufragaron esta noite preto da Illa de Tambo : “unha nova que deixanos frías e para a que non temos máis palabras que manifestar o noso apoio ás familias dos mariñeiros”. Acto seguido tivo unhas palabras para a noca responsable dos Servizos Sociais e aproveitou para poñerlle “deberes”: “A noticia da incorporación de Anxos Riveiro a Servizos Sociais no lugar de Carme Fouces, é para nos un cambio responsable e importanteDesde que Marea Pontevedra entrou nesta corporación amosamos unha especial dedicación aos temas sociais e despois de preto de dous anos temos mocións aprobadas nos plenos que seguen sen levarse a cabo. De feito en xaneiro de 2016 presentamos unha interpelación pola pouca dilixencia amosada no cumprimento dos acordos plenarios”.

Herminia Dios tamén quixo darlle a benvida a nova concelleira: “Amosamos a nosa confianza de que a súa xestión e funcionamento vai ser dilixente. A recibimos cunha actitude colaborativa. Ímos darlle un tempo para que poida aclimartarse”, aínda que non deixou pasar a oportunidade de poñela ao día da actual situación e de subliñar a necesidade de resolver os temas que non se solventaron baixo a xestión de Carme Fouces: “hai asuntos que consideramos que teñen premura e quedaron como materias sen superar da anterior concelleira”.


MATERIAS A DESENVOLVER

Renda Social Municipal: xa conta con partida orzamentaria a tal efecto. Nestes días será publicada na web do Concello  e vai sair tamén xá para Xunta o borrador de ordenanza solicitando o informe  preceptivo necesario.

Reestruturación e reorganización dos espazos e usos públicos do edificio municipal coñecido como Casa Azul. Entendemos que se este espazo  debe seguir sendo utilizado como emprazamento de persoal técnico municipal e entidades sociais e consideramos que debe facerse baixo un regulamento que estableza administrativamente os usos, acceso e cesións destes espazos baixo criterios de transparencia e igualdade de condicións, evitando a arbitrariedade e discrecionalidade coa que se estaba funcionando.

Rede Axuda. Carece dun protocolo de funcionamento que determine aspectos como a organización, a coordinación, normas de funcionamento interno, condicións de acceso e expulsión, medios técnicos municipais e materiais, dotación orzamentaria, criterios de distribución económica e criterios de distribución de recursos obtidos para impulsar e consolidar unha rede que debe ser un exemplo de traballo comunitario, colaborativo, participado e cooperativo entre o Concello e as entidades de iniciativa social.

Reorganización das diferentes da unidades de traballo social (UT 9), xa que se continúan producindo listas de agarda de mais dun mes demora, o cal afecta directamente a calidade da atención e prestación de servizos.

Necesidade de ampliar a plantilla de persoal técnico con traballadoras sociais e persoal administrativo para dar resposta as demandas da cidadanía atendendo as súa necesidades e garantizando os dereitos básicos.


ACORDOS PLENARIOS SEN CUMPRIR:

22/09/2015: Proposición de acordo para a instauración dun sistema de bonotaxi reservado a persoas con mobilidade reducida, diversidade funcional e dependentes.

19/10/2015: incremento da partida orzamentaria e o número de prazas das bolsas de comedor nos centros escolares. Aínda que se incrementou a cantidade foi insuficiente e  tiveron que facer un contrato menor para evitar ter menores en listas de agarda como ocorreu no pasado 2016.

30/11/2015: Impulsar un Plan integral municipal de loita contra as violencias machistas, que conte coa participación dos diferentes colectivos feministas e axentes sociais presentes na sociedade pontevedresa. 30/11/2015: Buscar unha alternativa para que os domingos e festivos relixiosos poidan seguir recibindo un xantar as persoas que queden sen o servizo ao que acoden a diario no Comedor de San Francisco.

21/12/2015: Ampliación o número de prazas dispoñibles de aloxamento para as persoas sen teito, ben nos albergues ou noutros dispositivos, sobre todo ante condicións meteorolóxicas adversas.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*