Marea Pontevedra pediulles aos Reis Magos máis transparencia no Concello

O colectivo demanda que a cidadanía poida consultar as retribucións  e as declaracións de bens de todos os membros da corporación municipal.

O informe anual de Transparencia Internacional estuda 110 concellos de toda España (aos que puntúa cunha media de 89,7, sobre cen). O de Pontevedra (con 78,1), segue claramente por debaixo da media, no lugar 94.

A transparencia no labor político e na xestión pública é un indicador de que as cousas se están a facer dun xeito ético, permitindo a todas as persoas coñecer en todo momento onde se están investindo os seus impostos. En certo modo, convértese na principal garantía que ten a cidadanía de que os seus representantes están realizando ben o seu traballo.

Os concellos, como institución máis próxima á xente, deben ser os primeiros en dar exemplo. Tanto as actividades municipais como os custos de levalas a cabo teñen que estar perfectamente detallados e accesibles para calquera persoa que queira consultalos. Capítulo á parte merecen os membros da corporación municipal e do persoal de confianza, cuxas retribucións e declaracións de bens deberían ser a súa carta de presentación.

A secretaría do Pleno do Concello de Pontevedra solicitoulles o 15 de setembro de 2017 aos membros da corporación que actualizasen as súas declaracións de bens. Lembráballes que a lexislación impón un prazo para facelo e advertíalles aos concelleiros que non achegasen esa declaración que, no seu caso, se faría constar como “non presentada”.

Aínda que o Grupo Municipal de Marea Pontevedra cumpriu a súa obriga, o certo é que o ano 2017 rematou e as que seguen figurando na web do Concello son as declaracións de 2016 (con datos correspondentes a 2015), e, por tanto, tampouco non se fixo público os que non presentaron a súa declaración.

Ademais, na web municipal non é doado consultar o dato das retribucións que reciben do Concello os 25 membros da corporación, posto que figuran en varios apartados. Marea Pontevedra entende que, seguindo o modelo doutros moitos concellos, a web debe ofrecer nunha única lista (con foto, nome e partido ao que representa) o importe total das retribucións anuais que percibe cada membro da corporación.

A transparencia que demanda, e merece, unha sociedade moderna aconsella, por outra banda, que tamén se faga o mesmo co persoal eventual contratado con cargo ao Orzamento do Concello. É dicir, no caso da actual corporación pontevedresa, cinco profesionais de libre designación polo Bloque Nacionalista Galego e unha polo Partido Popular.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*