Marea Pontevedra pide a reapertura da Delegación da TVG, por medio dunha emenda de En Marea aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2018

Pontevedra deixou de ter delegación da Televisión de Galicia en novembro de 2010, hai agora sete anos. Criticada polo Concello, que reaccionou declarando “non grata” á empresa, foi unha decisión repetina da súa dirección, tomada sen consulta e de costas aos traballadores, e fixo que a presenza da cidade nos medios públicos galegos quedase desde entón reducida a mínimos.

Desde ese momento, Pontevedra, capital de provincia, sede de importantes institucións, e cabeceira dunha comarca de 150.000 habitantes, sofre un evidente agravio comparativo coas outras cidades. Ademais, o peche desas instalacións vulneraba, e segue vulnerando, un dos principios que no seu momento levaron á fundación con cartos de todos os galegos dos medios audiovisuais públicos: a territorialidade.

Dicía a Lei 9/1984, de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia, no seu capítulo primeiro (Natureza e funcións), no seu artigo 1: “Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural”

Aquela lei (modificada en 2003) derrogouse tras a aprobación da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos Medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia; que insiste   no seu artigo 9 (relativo á Estrutura da Corporación Radio e Televisión de Galicia):“A Corporación RTVG deberá contar coa estrutura suficiente e necesaria para asegurar o cumprimento da misión de servicio público encomendada e para facilitar a provisión de contidos territoriais na súa programación”.

Para garantir que Pontevedra e a súa área de influencia deixen de ter unha presenza tan limitada nos espazos informativos da Televisión de Galicia, e para rematar cun agravio que xa dura sete anos, o Grupo Parlamentario de En Marea presenta unha emenda parcial aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2018 instando á reapertura en Pontevedra dunha delegación da TVG con medios e persoal convenientemente dimensionados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*