Marea Pontevedra mantivo un encontro cos representantes das comunidades de montes para presentar unha iniciativa para os nosos montes

A moción, sobre ordeamento forestal e prevención de lumes, irá ao pleno do Concello de Pontevedra o vindeiro luns.

O colectivo liderado por Luís Rei mantivo onte unha xuntanza en Mourente coas Comunidades de Montes da zona para intentar evitar que este ano sucedan esceas como as dos anos anteriores, onde as lapas fixeron estragos e incluso estiveron preto de afectar ás vivendas.

Marea Pontevedra explicou ás presentes a iniciativa que será debatida no pleno do vindeiro luns do Concello ao mesmo tempo que os comuneiros trasladaron ao Grupo Municipal as súas sensacións e propostas para mellorar a vida nun rural bastante castigado. Soamente o pasado ano arderon 320 hectáreas en Ponte Sampaio, 70 hectáreas en Bora e outras 30 en Lérez e Verducido.

Luís Rei  lembrou que vai vir un verán con riscos de lumes, pola climatoloxía do inverno e que ‘non pode haber política que axude a fixar poboación no rural sen garantir unhas mínimas condicións de seguridade. O Concello de Pontevedra ten 7.091 hectáreas de masa forestal, o 62,5 por cento do total, e non lle queda outra que dar resposta a iso’.


PROPOSTA DE MAREA PONTEVEDRA

  • Instar a Xunta de Goberno Local (XGL) á realización dunha inspección urxente do estado das redes primarias de faixas de xestión de biomasa en todo o municipio e requirir, coa maior brevidade, das administracións responsables o cumprimento dos parámetros definidos na Lei de montes de Galicia e mais na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  • Instar a XGL á elaboración e tramitación urxente dun Plan de prevención de incendios forestais que conteña as accións máis necesarias (silvícolas, organizativas, informativas, educativas ou de calquera outra índole), na loita contra os incendios forestais. En todo caso, abranguerá as pistas, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias. Incluirá, tamén, unha ordenanza que limite expresamente as plantacións máis combustibles, con referencia especial ao eucalipto.
  • Instar a XGL a poñer en marcha unha Liña de axudas para a transformación das contornas de casas e núcleos rurais da totalidade do concello. Habilitarase unha franxa mínima de 50 metros desde as vivendas, ao longo dun trienio, que incluirá plantacións que sirvan de barreira fronte ao lume, iniciativas gandeiras silvopastorís ou cultivos agroforestais harmónicos que, asemade, farán de barreira de protección contra o lume.

Marea propón a erradicación dos eucaliptos na contorna das casas e instalacións do rural de Pontevedra nun prazo de tres anos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*