Marea Pontevedra lembra o compromiso do goberno local de recuperar a festa das cabazas

Recollida no orzamento para 2017 esta partida quedou sen executarse. Marea Pontevedra solicita que este ano non se repita a mesma situación.

Desde que a finais dos anos 70 a Asociación Cultural Amigos da Cultura, a mesma que recuperou a Festa dos Maios, recuperara a festa das cabazas, esta converteuse nunha referencia máis no calendario festivo local. Incluso a partir do ano 2000 é adoptada e recuperada plenamente con orzamento, organización e persistencia anual.

O goberno actual organizouna durante doce edicións baixo a denominación de “Feira e Festa das Cabazas” na Praza de Curros Enríquez e algún ano mesmo con extensión aos soportais. Tamén nalgunha, motivado por obras elixiron situala na Praza da Verdura. O día que se celebraba era tradicionalmente o 25 de marzo, mais tanto por parte de Amigos da Cultura como polo Concello pasou a organizarse no sábado máis achegado á data tradicional.

Antes disto, a Feira das Cabazas era unha das celebracións máis famosas da cidade de Pontevedra e organizábase na desaparecida parroquia de Santa María do Camiño (A Virxe do Camiño) e chegaba á praza da Peregrina. A prensa pontevedresa de finais do século XIX,“Galicia Moderna”, concretamente,  ten recollido reportaxes en lingua galega sobre esta feira e festa, acompañados de fotografías. Ademais da obra de importantes fotógrafos da cidade tamén se conservan testemuños gráficos coma os que plasmou o debuxante Agustín Portela nos anos 50 do século pasado.

No orzamento de 2017 esta feria figuraba na partida de festas anuais (entroido, cabazas, maios…), con valor global de 245.000 euros, quedando finalmente sen executarse a parte correspodente a este evento. O orzamento recolle este ano a mesma partida e Marea Pontevedra solicita que o goberno local cumpra cos compromisos adquiridos para recuperar unha tradición que xa leva máis de seis anos no esquecemento.

Fonte da fotografía: pontevedraolvidada.blogspot.com.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*