Marea Pontevedra lamenta que o BNG rexeite rematar coas touradas en Pontevedra

No pleno de xuño do Concello de Pontevedra perdeuse unha nova oportunidade para rematar cos espectáculos baseados na tortura animal no Concello de Pontevedra. A pinza de BNG e PP impide, unha vez máis, rematar co convenio que financia as touradas.

FIN DO CONVENIO QUE PERMITE AS TOURADAS EN PONTEVEDRA.

Rexeitada cos votos en contra do PP e do BNG

Marea Pontevedra presentou unha moción para que o Concello de Pontevedra deixe de financiar indirectamente as touradas. Pontevedra é a única cidade galega que aínda segue festexando un espectáculo baseado na tortura animal.

Dado que setembro é un mes, e que un mes é unha doceava parte do ano, non deixa de resultar estraño que o Concello pague polo uso, precisamente durante unha doceava parte do tempo, dun ben do que é titular dunha doceava parte. E tampouco non deixa de resultar estraño que o importe supoña unha cantidade que multiplica cinco ou seis veces o alugueiro tanto de prazas portátiles coma de prazas permanentes de grande aforo. Isto invita a pensar que o que se presenta como un contrato de arrendamento é, en realidade, unha subvención encuberta das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública.

CUMPRIMENTO DA LEI DE MEMORIA HISTÓRICA NO CONCELLO DE PONTEVEDRA.

Aprobada por unanimidade

Co ánimo de respectar as vítimas e os seus familiares, de completar a democratización do rueiro da cidade e de eliminar de xeito definitivo calquera símbolo, homenaxe ou enxalzamento da ditadura do xeneral Franco, e mais para evitar posibles denuncias contra esta corporación por incumprimento da Lei de Memoria Histórica, instouse á Xunta de Goberno Local a tomar a iniciativa para cumprir e facer cumprir esta lei no termo municipal, sen máis dilacións, a través da fórmula que se estime máis acaída e con acordo final en Pleno.


ROGOS.

FACILITAR INSTALACIÓNS PARA QUE O EQUIPO DE FÚTBOL GAÉLICO POIDA XOGAR NA CIDADE.

O Concello de Pontevedra conta cun único equipo de Fútbol Gaélico femenino, que comezou a súa andaina fai tres anos e que xa leva conquistado diversos triunfos deportivos. No mes de marzo deste ano, catro futbolistas do equipo feminino pontevedrés formaron parte da selección Galega que se enfrentou nun partido amistoso a selección Francesa, acadando un merecido empate. Ademais o equipo acadou o segundo posto na Liga Galega, clasificación que lles permitirá acudir en outubro ao Campionato de Europa que terá lugar en Maastricht.

Nos últimos partidos que levan xogados, tanto o equipo masculino como o femenino, tiveron que desprazarse fóra de Pontevedra, concremente ao Campo da Lama e por dúas veces en Campo Lameiro.  Estas deportistas estanse vendo obrigadas a facer longos desprazamentos, cando deberían poder “xogar na casa” e contar con apoio e promoción en igualdade de condicións ca outros deportes de equipo.

A concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, quixo manifestar o seu apoio a un equipo que promete dar moitas tardes de ledicia na cidade e comprometeuse a solicitar que poidan disfrutar das instalación deportivas municipais: ‘O Concello de Pontevedra debe buscar ou habilitar a mellor alternativa para que o equipo Pontevedra de Fútbol Gaélico poida celebrar os seus correspondentes partidos en instalacións deportivas públicas, como o campo do Príncipe Felipe, e non ter que desprazarse fóra da cidade’

GARANTIR QUE TODOS OS NENOS E NENAS DE PONTEVEDRA POIDAN DISFRUTAR DAS ATRACCIÓNS NAS FESTAS DO VERÁN.

Marea xa presentou o ano pasado unha moción para que o Concello puxera a disposición das familias con nenas, nenos e adolescentes en risco de exclusión ou de vulnerabilidade social, para as atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo e da Virxe Peregrina. Unha vez aprobada a moción e, ante a falta de orzamento que manifestaba o equipo de goberno, houbo que chegar a un acordo cos feirantes que finalmente doaron as fichas. A xenerosidade dos feirantes, que aportaron unha cifra cercana aos 3000 euros, e a labor da fundación Meniños no reparto e na mediación posibilitaron o cumprimento da proposta de Marea Pontevedra. En total recibíronse 981 fichas, que foron repartidas entre 131 nenos e nenas menores de 17 anos,  pertencentes a 64 unidades familiares e cunha media de 7 fichas por neno e nena.

INSTALACIÓN DE RAMPLAS DE ACCESO ADAPTADA NAS PRAIAS DE PONTEVEDRA.

O Concello de Pontevedra anunciou recentemente o acondicionamento das praias do Lérez, Pontesampaio e Praceres de cara ao verán, para facer labores de limpeza, achega de area, retirada de algas, reposición ou reparación de mobiliario urbano e de praia.

Pero non falan de instalación de elementos de accesibilidade para chegar a area e a auga, para as persoas con problemas de mobilidade que precisen cadeira de rodas ou muletas, tamen para carriños de nenos, etc, as veces non poden estar cerca da auga para desfrutar dun día de praia e se quedan polos alrededores observando. As praias son de todos e todas, e temos dereito a desfrutala sen barreiras.

DISPOSITIVO DE SEGURIDADE NA ROMERÍA DE SAN BIETO.

Na pasada Romaría de San Bieito, ano 2016, os servizos de emerxencias sanitarias tiveron que acudir atender a varias persoas que se atopaban nas inmediacións desta festa, concretamente no adro da igrexa. Ante a ubicación dos postos da venta ambulante no único vial de acceso existente a igrexa e xunto coa afluencia de público, fixo imposible o acceso deste dispositivo para atender as persoas doentes, quedando estacionada a ambulancia na rotonda que da acceso ao devandito vial, onde tamén se atopaba a policía local.

Ante estas circunstancias a agrupación de protección civil veuse obrigada a transportar en padiola desde a igrexa ata esta rotonda as persoas doentes, polo medio do público asistente e sen poder recibir a asistencia técnica especializada en emerxencia ata que non chegaron a ambulancia, facendo un percorrido de mais de 150 metros. Isto provocou demoras no tempo de asistencia sanitaria afectando directamente a saúde dos e das doentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*