Marea Pontevedra insiste na necesidade dun maior número de prazas nas escolas infantís públicas na cidade

O Concello de Pontevedra debe dar un paso adiante e apostar pola creación de escolas infantís municipais como a administración máis próxima ás veciñas que padecen o déficit.

A educación infantil no ciclo de 3 meses a 3 anos supón unha etapa educativa decisiva no desenvolvemento integral e na construción da persoa. As escolas infantís constitúen ademais un recurso básico para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e as administracións públicas teñen a obriga de garantir que as familias que opten pola escolarización dos seus fillos nesta etapa teñan unha praza que lles ofreza unha educación de calidade.

No curso 2018-19, obtiveron a praza 424 demandantes e, desde a Consellería de Política Social aínda non publicaron os datos das persoas que quedaron fóra por non haber oferta suficiente. Serven como referencia os datos de 2017, onde 518 nenos e nenas non tiveron praza en escolas públicas.

Non é a primeira vez que Marea Pontevedra emenda os orzamentos da Xunta de Galicia (2017 e 2018) para incluír a creación de novas prazas que solucionen o déficit que padecen en primeira instancia as familias, e que, en tempos de crise demográfica, rematan por afectar ao conxunto da poboación.

En Pontevedra, a oferta de escolas infantís públicas vén dada en exclusiva polas Galiñas azuis, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e as escolas incluídas na rede da Axencia Galega de Servizos Sociais. Todas dependentes da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Porén, ante a ineficacia da administración autonómica, os concellos deben tomar a iniciativa en beneficio das súas habitantes. A maior parte dos concellos galegos de cidades e vilas contan cunha ou mesmo varias Escolas Infantís de titularidade municipal. Por exemplo: A Coruña, 9; Santiago, 3; Sanxenxo, 2; e Vilagarcía, 1. O concello de Pontevedra, en cambio, non ten ningunha Escola infantil propia, e o equipo de goberno non anunciou ningunha proposta de actuación para remediar esa carencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*